Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón

 
Espazo natural

Esta Reserva está composta por 14 Concellos, abranguendo un territorio de case 1600 Km2, compartidos entre Galicia e Asturias e unidos polo eixe fluvial do río Eo e a súa desembocadura que acollen unha abraiante diversidade de especies de flora e fauna.

A Reserva da Biosfera ten como obxectivo fundamental a protección e mantemento do valioso e rico patrimonio natural, cultural, e histórico, conciliándoo co desenvolvemento económico e social.

Pódense recoñecer neste territorio protexido catro grandes unidades paisaxísticas: o litoral cantábrico, os leitos fluviais, o esteiro e desembocadura do Eo e as serras e montañas.

No ano 2007 foi declarada esta Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón que ocupa unha superficie de 159.379 ha, das que 496 ha corresponden a augas mariñas someras, próximas á costa de ambas as comunidades e adxacentes ao esteiro do río Eo.

A ocupación do solo ten dominancia de terreos forestais ,un 40 %,  dos que aproximadamente un 10% son bosques caducifolios autóctonos con predominancias das carballeiras. A matogueira e o mosaico agrícola ocupa o resto do territorio, ocupando unha pequena extensión os humedais, esteiros e marismas do Eo.

Esta importante variabilidade de medios provoca que esta Reserva teña unha ampla diversidade de ecosistemas naturais, coa singularidade de acoller moitos hábitats naturais e especies de interese para a conservación.

 

Tamén as augas mariñas da Reserva posúen unha relevante importancia, posto que nestas foi identificada a única especie prioritaria, a tartaruga careta.

Acolle tamén un rico patrimonio cultural, como os restos tumulares e dolmens que son moi abundantes e aparecen repartidos por todo o territorio da reserva, así como a multitude de conxuntos da cultura castrexa.

 

Ademais destes restos, é abundante o patrimonio arquitectónico correspondente tanto á arquitectura relixiosa como civil. A primeira ten unha gran tradición, posto que houbo nestas terras varias fundacións monásticas, ademais dun importante conxunto de capelas, igrexas e ermidas.

Tamén destaca o patrimonio de tipo etnográfico, representado por pallozas, hórreos, cabazos, pombais, trobos, cortizos, alvarizas (para protexer as colmeas dos depredadores), corripas ou ouriceiras. Tamén destacan os restos como Galeón Santiago do século XVI  que afundiu na ría.

Existen dúas rutas do Camiño de Santiago que serven de peregrinación cara a capital de Galicia: a Ruta da Costa e o Camiño Primitivo, ambos declarados Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco.

As principais actividades económicas na actualidade son a gandaría, a silvicultura ou plantacións forestais e o turismo, aumentando nos últimos tempos o sector dos servizos. O Plan de Desenvolvemento sostible terá que harmonizar os diversos sectores de actividades socioeconómicas co avance das poboacións locais e a conservación do medio ambiente.