Percorre o Camiño de Santiago ao seu paso pola Mariña Lucense
Queres desfrutar do Camiño máis espiritual? Camiñar afastado da masificación? O Camiño do Norte ou da Costa é o idóneo. Poderás marchar a Santiago rodeado desas paisaxes únicas que algúns afirman que as outras vías cara a Compostela non posúen.
Esta ruta bañada polo Cantábrico é a máis extensa e unha das máis antigas. Nos séculos IX e X, o Camiño do Norte foi especialmente importante, xa que durante esta época era o único itinerario que se podía transitar por causa da invasión árabe que confinaba aos cristiáns no norte da Península.
O Camiño parte dende Irún (Gipuzkoa) e entra en Galicia por Ribadeo, atravesando boa parte do territorio da Mariña Lucense en dirección a Santiago.
Unha vez en territorio galego, penetramos no interior de Lugo, onde o trazado montañoso se converte en protagonista xunto coas vilas históricas que cruza o roteiro: Ribadeo, Lourenzá e Mondoñedo.
O primeiro que farás á túa chegada a Galicia será atravesar a ponte que une Asturias coa comunidade galega sobre a ría de Ribadeo. Vila histórica e mariñeira, posúe un núcleo urbano declarado Ben de Interese Cultural. As construcións do seu pasado indiano non te deixarán indiferente.
Tras saír de Ribadeo, pasarás por pequenas aldeas do concello de Barreiros, treito no que destacan, entre outras, a igrexa de San Xusto de Cabarcos, para chegar finalmente a Vilanova de Lourenzá. O mosteiro benedictino de San Salvador, que deu orixe á localidade, ou o Pazo de Tovar conforman o patrimonio único que poderás coñecer.
Despois desta etapa, alcanzarás unha das sete antigas capitais do Reino de Galicia: Mondoñedo. De orixe medieval e dominado pola catedral, o seu centro histórico foi declarado conxunto histórico-artístico.
Unha vez que saias de territorio mindoniense, abandonarás A Mariña para camiñar entre os infinitos prados verdes propios da Terra Cha. Cando deixes a provincia de Lugo, aldeas abandonadas faranche sentir a soidade e a tranquilidade do rural galego ata chegar a Sobrado dos Monxes e ao seu impresionante mosteiro cisterciense.
Unha vez alcanzada a localidade de Arzúa, a ruta únese coa do Camiño Francés ata chegar a Compostela, onde os bosques atlánticos e a excelente gastronomía acompañaranche ata Santiago.
Tamén poderás tomar a alternativa do Camiño Norte, que penetra en Galicia por Trabada. Esta era a ruta que seguían os primeiros peregrinos e tamén aqueles que non podían pagar o traxecto en barca para cruzar a ría de Ribadeo. É, sen dúbida, a vía que debes tomar se buscas tranquilidade. Camiños forestais e montes de gran beleza son os compañeiros dos peregrinos que percorren este traxecto.
Sexa cal for a opción que finalmente escollas, o Camiño do Norte marcarache para sempre. Percorrerás un itinerario de incalculable valor e riqueza patrimonial, histórica e ambiental, onde poderás coñecer A Mariña Lucense dunha maneira diferente.