Miradoiros para desfrutar das mellores panorámicas da Mariña Lucense

 

Se hai algo que representa á Mariña Lucense son as súas inigualables paisaxes. Praias entre arcos rochosos, frondosos bosques ou roteiros entre cantís. Queres descubrir a mellor maneira de gozalos? Mostrámosche os mellores miradoiros da Mariña coas vistas máis privilexiadas para desfrutar desta preciosa contorna.

Garda a mellor postal na túa memoria e regálalle á túa mirada unha imaxe que non poderás borrar da túa retina. Goza da beleza da Mariña Lucense.

Ruta dos Miradoiros de Ribadeo

Percorre as beiras da Ría de Ribadeo e descobre os seus tres miradoiros: a capela de San Miguel, coas mellores vistas do porto deportivo; o Cargadoiro, antiga zona de carga de ferro; e a Illa Pancha. As vistas da illa, facendo conxunto coas rocas onde rompe a ondada, é unha das estampas máis atractivas da Mariña.

Achégate ao Miradoiro da Atalaia, na contorna da capela da Trinidade. É un dos balcóns sobre a Ría de Ribadeo dende o que se observan unhas perfectas vistas á desembocadura do Eo no Cantábrico. Por iso, este punto foi de gran importancia para a vila, xa que desde el vixiábase a entrada dos buques invasores. Poderás acceder a este lugar a través dun ascensor.

Miradoiro de Monte Castelo

En Burela, atopamos esta área recreativa con fermosas vistas panorámicas do pobo, do val do Condado e da Ermida da nosa Señora da Asunción.

Trátase dun lugar para o descanso perfecto, rodeado dun bonito arboredo autóctono na cima do Monte Castelo. Ademais, dende este punto poderás observar á perfección o fenómeno xeográfico da Rasa Cantábrica, que ten a súa fin nesta zona.

Faro de Punta Atalaia

Se continuamos cara a Cervo, no Cabo de San Cibrao atopamos o Faro de Punta Atalaia. Un miradoiro situado nunha pequena península que che ofrecerá unhas vistas impresionantes de San Cibrao e das illas Farallóns.

Faro de Punta Roncadoira

Xa en Xove atoparás este faro, construído por causa dos numerosos naufraxios que zorregaban a súa costa e que ofrece unhas vistas espectaculares da zona. Poderás gozar observando as aves mariñas que sobrevoan o lugar e terás diante túa unha panorámica perfecta das illas de Coelleira,  Sarón,  Farallóns, e os illotes Os Netos.

Ría de Viveiro

Se queres desfrutar dunhas vistas espectaculares da ría de Viveiro, o Miradoiro de San Roque será parada obrigatoria na túa visita. Neste monte a 353 metros de altitude atoparás unha zona que, capitaneada pola capela de San Roque, ofrecerache unhas vistas extraordinarias da paisaxe costeira onde o río Landro se funde co Mar Cantábrico.

Fuciño do Porco e Muronovo

Este precioso miradoiro no Vicedo converteuse nun símbolo da Mariña Lucense. As vistas do Cantábrico dende este enclave entre cantís deixarante sen palabras. A este lugar accédese a través dunha curta e bonita ruta moi sinxela. Unha vez chegado á súa fin, poderás observar a ría de Viveiro, a illa Gaveira e parte da Costa da Mariña Occidental.

Moi próximo, o observatorio de  Muronovo aproveita as vías do parque eólico para obter unhas impresionantes vistas da Ría do Vicedo, formada polo río Sor. A ponte que separa as provincias de Lugo e A Coruña, o fermoso pobo do Barqueiro (Mañón) ou a illa de San Martín serán algúns dos lugares dos que terás unha vista aérea.

Non te perdas este precioso recuncho de Galicia e visita estes lugares da costa norte de Lugo. Goza das impresionantes paisaxes de A Mariña Lucense.