Mina Consuelo. Xeoturismo
A mina Consuelo áchase no extremo norte do concello da Pontenova, xunto ao núcleo municipal. O mineral de ferro que se explotou nesta mina ten a súa orixe hai millóns de anos, concretamente 450.
Naquel momento da historia da Terra os materiais que hai neste lugar estaban nunha zona costeira do hemisferio Sur
Estaban formados por antigos sedimentos areosos que progresivamente recibían grandes cantidades de ferro procedentes do continente existente por aquel entón que se chamaba Gondwana. A salientable actividade biolóxica de diferentes microorganismos sería a fonte dese ferro. Posteriormente eses sedimentos veríanse afectados polo peche do océano como consecuencia dun colosal choque entre dous supercontinentes -Laurusia e Gondwana- fai 350 millóns de anos. Isto daría lugar á formación dun conxunto de rochas metamórficas -lousas e cuarcitas- ricas en ferro, aínda que a maior concentración estaría nas cuarcitas, as cales proceden dos sedimentos areosos. Así mesmo, todos estes materiais forman parte dunha serie de grandes dobras, de tal maneira que as capas que estaban inicialmente en horizontal, agora están inclinadas ou case verticais.
Naturalización da mina e formación de espeleotemas
O ferro estaría principalmente en forma de óxidos -hematites- e hidróxidos de ferro -goethita-, aínda que a maior profundidade aparece tamén como carbonato de ferro -siderita-. A degradación natural dos minerais de ferro deu lugar á formación de numerosos espeleotemas -estalactitas negras-, de forma excepcional hainos dunha lixeira cor verde, o que indicaría a presenza de minerais ricos en cobre, como pode ser a calcopirita. Estes espeleotemas iniciaron o seu crecemento para partir do cesamento da actividade na mina, hai máis de 60 anos.
A disposición case vertical das capas ricas en ferro obrigou a facer unha explotación por niveis de gran altura, algún deles estarían mesmo máis abaixo que o río Eo, motivo polo cal están actualmente asolagados.
Nos fornos realizábase unha transformación do mineral en bruto -en forma de óxidos de ferro- para convertelo en ferro puro ou con pouco osíxeno. Isto era posible porque o mineral de ferro reaccionaba co combustible -madeira ou carbón- liberando CO2 e así se eliminaba o osíxeno.