Fervenza de Santo Estevo do Ermo

 
Fervenza

O regato de Santo Estevo precipítase en caída vertical uns 15 metros nunha contorna natural de grande riqueza biolóxica.

Este lugar conta cunha boa extensión de bosque autóctono e gran variedade de fieitos e brións. 

O punto de partida para ver a fervenza é a Ermida de Santo Estevo de Ermo ou de Augas Santas. De planta rectangular, a igrexa presenta un pórtico con ventanais a ambos os dous lados, tellado de lousa e  un pequeno campanario con arco de medio punto.

Preto da ermida atópase unha fonte de augas ferruxinosas con propiedades beneficiosas para a saúde.  Unha segunda fonte, a de Santa Rosa, tería poder curativo para a pel,  polo que os participantes na romaría do luns de Pascua enchoupan un pano con ela para mollarse e despois pendúrano das árbores.

Esta zona conta cun área recreativa de merendoiro e a  posibilidade de facer pequenos roteiros, como o que sobe á parte alta da fervenza e a que baixa á súa base, onde atopamos cun miradoroiro.

Segundo a lenda, as marcas nas rochas do miradoiro corresponden ao cabalo de Santiago fuxindo dos mouros polo río .