Miradoiro de Penabor

(Lugo)
 
Miradoiro

A Mariña, bañada polo Mar Cantábrico, ten no seu espazo marítimo e terrestre unha grande riqueza paisaxística, chea de vida. O miradoiro ofrécenos unha ampla, variada e fermosa vista do Concello de Barreiros e arredores. A paisaxe apréciase tinguida de verdes e azuis que nos amosan os diversos usos do territorio, na costa e no interior.

Dende 336 metros de altitude, o alto de Penabor, descóbrese como unha atalaia ou miradoiro natural privilexiado, situado na parroquia de San Cosme de Barreiros, que nos permite observar, sobre os nosos pés, a capitalidade do Concello, e ó fondo os oito quilómetros de praias de Barreiros. Enfronte San Cosme, e cara o leste Benquerencia, Remior, San Pedro, Area Longa e a Punta do Castro e San Miguel de Reinante. Seguindo coa nosa vista pola costa, albiscaremos cara ao noroeste a desembocadura do río Masma, á súa beira esquerda a vila de Foz e a praia da Rapadoira e a punta Fazouro ao fondo.

 

Terra adentro e case en liña coa nosa posición, podemos contemplar o “Pico da Lebre” (358 m), con vexetación formada maioritariamente por eucaliptos e piñeiros, entre os que viven corzos, raposos, xabarís, esquíos e xenetas, entre outros.

O medio físico ofrécenos información sobre o seu uso e as actividades económicas principais, o turismo coas marabillosas praias e outros servizos asociados, a agricultura, gandería, e cultivos forestais definen o territorio.

- Lugo