Fervenza do Escouridal. Xeoturismo

 
Xeoturismo

A fervenza do Escouridal sitúase no extremo sur dos concellos do Valadouro e Alfoz. Este lugar atópase no corazón dun gran corpo granítico con forma redondeada e con algo máis de 200 km2 de superficie.

A orixe destas grandes masas de magma estaría nas etapas finais -hai uns 290 millóns de anos- do gran choque entre dous macrocontinentes -Laurusia e Gondwana-, que sería o mesmo evento que deu lugar a Panxea.

Por tanto, os granitos desta zona son rochas magmáticas intrusivas, ou o que é o mesmo, orixináronse a partir do arrefriamento de magma no interior da Terra, a profundidades comprendidas entre os 10 e os 15 quilómetros, e por ese motivo os seus tres minerais -seixo, feldespato e mica- son visibles dunha ollada. En ocasións estes granitos conteñen pequenos corpos máis escuros incluídos neles, son os restos doutras rochas que o magma foi atopando no camiño e non puido fundilas, é o que se coñece en xeoloxía como enclaves ou xenolitos.

Pías e marmitas de xigante

A erosión fluvial é un dos procesos xeolóxicos máis poderosos, capaz de modificar a paisaxe en “pouco” tempo sen importar a dureza das rochas. Como xa se indicou, na fervenza do Escouridal áchanse granitos moi resistentes e pouco fracturados, con todo, a auga sempre atopa as debilidades e modela as rochas o seu antollo. No treito inicial desta espectacular fervenza hai unha fractura, por iso é máis lineal e estreito, despois o patrón cambia por ausencia de fracturas e a fervenza ábrese moito máis, desenvolvendo fermosos exemplos de cuncas denominadas pías e/ou marmitas de xigante. Estas formas son o resultado da erosión que producen cantos rodados ou gravas que transportan os cursos de auga, e que ao atoparse con pequenas imperfeccións no leito do río, comezan a desgastar o granito. Isto prodúcese porque as correntes van movendo esas rochas e partículas de forma circular, coma se fose un muíño, e co tempo vanse facendo maiores, o que permite que haxa un maior número de elementos no seu interior. O proceso faise cada vez máis intenso e as pías -de menor tamaño- convértense en formas maiores, é dicir, en marmitas de xigante.

Recomendámosche

Máis información: Fervenza de Escouridal.

Outras propostas para a práctica do Xeoturismo na Mariña. Máis info aquí.