Castelo Fortaleza da Frouseira

 
Castelo

A fortaleza de Pena Frouseira aparece por primeira vez mencionada nun documento de 1156. As súas ruínas están declaradas Ben de Interese Cultural (BIC). Pertenceu á mitra mindoniense e probablemente foi un dos bens que Pardo de Cela recibiu como dote de voda ao casar con Isabel de Castro, sobriña do bispo Henrique de Castro, e filla do conde de Lemos.

Identificado como o Castelo do mítico mariscal Pedro Pardo de Cela, os restos arqueolóxicos atópanse situados nun esporón rochoso cun amplo dominio visual sobre a ría de Foz e sobre todo o val e terras de Alfoz e O Valadouro.

Esta fortaleza está situada na parroquia de Santa Cilla do Valadouro no concello de Foz. A fortaleza sofrería serios danos durante a Revolta Irmandiña pero foi reconstruída, como castigo pola súa sublevación, polos mesmos que a destruíron, sendo reforzada defensivamente en moitos dos seus puntos. O asedio ao que foi sometida entre 1480 e 1483 polas tropas reais do Gobernador Fernando de Acuña supuxo a súa destrución definitiva.

A fortaleza aséntase sobre unha pena granítica de 429 m., o que a inclúe na definición de castelo de tipoloxía de rochedo, moi abundantes no territorio galego.

A planta destas construcións xurdía da adaptación ás irregularidades do terreo e en función das súas necesidades defensivas. Debido a isto e ao mal estado de conservación dos restos arqueolóxicos, non se pode definir claramente a disposición das estancias que darían forma ao conxunto. Os restos que se distinguen sobre o terreo parecen suxerir a existencia de varios recintos.

Conta a lenda que os mandatarios dos Reis Católicos, enfrontados co Mariscal, tramaron a traizón da Frouxeira ante a imposibilidade de poder conquistala. A Pardo de Cela vendérono os 23 criados que defendían a fortaleza. As cantigas din que o traidor foi Roi Cofano do Valadouro. A firme loita durante tres anos na Frouseira, a traizón dos criados e a súa execución, degolado na praza da Catedral de Mondoñedo, convérteno enseguida en mito e comeza a ser trobado en feiras e mercados.