Ruta da Fraga Vella

 
Sendeirismo

Esta ruta circular discorre por camiños e pistas de terra da ZEC Serra do Xistral, espazo natural de grande interese ambiental e paisaxístico. O camiño amósanos unha extensa área montañosa con poucas aldeas,  gando pastando, fragas que conservan o valioso acivro, plantacións de piñeiro e o importante ecosistema das turbeiras que agocha valores destacados.

Penas da Merenda (Os Remedios- Mondoñedo)
Penas da Merenda (Os Remedios- Mondoñedo)
9,6 Km
3 h 15 min
Ruta circular
Dificultade
Global
Baixa

A ruta parte preto das Penas da Merenda, próximo ao cemiterio e ao lugar de Estelo, no Concello de Mondoñedo. Discorre por unha gran área montañosa moi pouco poboada, con aldeas escasas e moi dispersas e gando pastando en semiliberdade. 

Os tesouros das turbeiras do Xistral

Este territorio, destaca especialmente pola presenza das turbeiras ou tremedais que son ecosistemas húmidos, enchoupados. Un tipo de braña na que se acumulou materia orgánica ao longo dos séculos en forma de turba. As turbeiras galegas son os hábitats máis singulares que Galicia achega á Rede Natura 2000 europea, da que forma parte este ZEC (Zona de Especial Conservación) Serra do Xistral.

As turbeiras son hábitats de grande interese para a conservación que debemos protexer. No paseo poderemos descubrir especies que viven adaptadas a estas características, de grande importancia para a conservación como a orballiña, unha curiosa planta insectívora. Tamén outras especies pouco frecuentes como diferentes musgos e plantas como os marteliños ou a árnica que se encontran ameazadas. Entre a fauna unha das xoias é a reducida poboación ameazada da lagarta de turbeira, que alcanza nesta zona o extremo suroccidental da súa área de distribución. Nesta serra o lobo conserva unha das súas poboacións máis importantes en Galicia.

O acivro, alimenta e protexe á fauna

O camiño percorre masas de acivros, piñeiros e interesantes fragas de carballo mesturados con bidueiros, castiñeiros.

Os acivros son uns arbustos cunha grande importancia ecolóxica nas zonas de montaña, porque ademais de aportar alimento á fauna na época de maior escaseza (o inverno), actúan como un importante lugar de refuxio para a fauna de montaña, reducindo os rigores do frío no inverno e aportando fresco nos días de forte calor.

O Xistral, é unha zona de gran relevancia paras as bolboretas acollendo especies de interese europeo como a señoriña dos brañais, ou outras exclusivas das partes altas desta serra, como son a montesa común e montesa pequena.

Ao longo da ruta, ademais da fauna silvestre asociada a estes ecosistemas, viven vacas e cabalos en semi-liberdade, e na mesma tamén poderemos ver un cercado para cervos.

Lectura da ruta

Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.