Camiño natural de San Rosendo
Desde Mondoñedo a Foz discorre unha das etapas que forma parte deste camiño natural que pretende unir as provincias de Ourense e Lugo. A ruta debe o seu nome ao que se coñece como santo defensor e pacificador de Galicia no século X: San Rosendo.
O tramo que discorre pola Mariña pasa por Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz, levando ao viaxeiro a descubrir lugares cun valioso patrimonio natural e cultural. Unha parte do camiño coincide coa variante Norte do Camiño de Santiago e acompaña ao río Masma ata que se abre na ría de Foz, na súa desembocadura no Cantábrico.
Esta ruta pertence ao plan de sinalización de rutas "Caminos Naturales" do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que se estende por toda a xeografía española.
O Camiño Natural de San Rosendo parte da praza da Catedral de Mondoñedo e tras abandonar esta vila co seu precioso casco histórico, discorrendo por camiños e pistas ses dirixe cara a Vilanova de Lourenzá, onde destaca a monumentalidade da súa igrexa e Mosteiro. Ao seu carón pódese visitar o Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá, de recoñecido prestixio gastronómico.
Desde Lourenzá o camiño vaise achegando ao río Masma e continúa ao seu carón ata que chega a Celeiros de Mariñaos, desde onde continúa camiño da espectacular Basílica de San Martiño de Mondoñedo, onde se pode facer unha parada para visitar a propia igrexa e o seu interesante Centro de Interpretación.
Desde a Basílica continúa a ruta camiño da Capela do Bispo Santo, desde onde hai unhas espectaculares vistas sobre a Ría de Foz e a desembocadura do Masma.
Xa desde aquí só queda continuar a ruta ata a vila e o porto de Foz, onde se pode gozar das coloristas embarcacións pesqueiras e da súa lonxa, e onde xa remata esta ruta; que neste punto conecta co outro Camiño Natural que discorre por terras da Mariña, a Ruta do Cantábrico.
Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.