Río Landro

 
Espazo natural Río

Esténdese polo curso medio e baixo do río Landro, ao longo dos seus últimos 16 km e que ten unha importante influencia das augas mariñas. Agocha unha importante diversidade de vida, conservando especies ameazadas como a píntega rabilonga, a lontra ou varias especies de marteliños.

Este espazo natural está protexido pola Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación.

Ten unha importante extensión de marismas e chairas intermareais con restos de pradarías de ceba pero onde predominan as xunqueiras. O Landro e o seu afluente, o río Bravos, presentan bos exemplos de bosque de ribeira, que albergan fieitos relitos macaronésicos e dous marteliños ameazados.

Acolle unha poboación de mexillón de río, de excepcional relevancia, e unha pequena poboación de salmón que aínda se reproduce neste río. Tamén os seus bosques húmidos serven de refuxio á píntega rabilonga, ameazado endemismo do noroeste ibérico, e as súas augas contan coa presenza da tamén ameazada auganeira e da lontra.