Porto de Portocelo

 
Porto pesqueiro

Este lugar defínese como un porto natural e resgardado, cun medio físico moi característico en forma de botella. No fondo no seu espazo mais ancho, sitúanse a praia e o porto, con augas tranquilas e cristalinas. Na zona circula unha lenda sobre San Tirso, ao que se lle adicou unha ermida cercana, hoxe derruída.

O nome de Portocelo provén do latín “Portus Celo”, ou porto oculto. A súa escondida localización ao final da enseada,  conta con dúas praias independentes en forma de cuncha, de ondada tranquila, cuns 250 metros de largo e 20 de ancho, formadas por area branca e pedras que se unen na baixamar.

Pola gran diversidade de fauna e flora mariñas, as súas augas constitúen ricos ecosistemas para a práctica da pesca e submarinismo. No porto, a frota redúcese a un pequeno número de embarcacións tradicionais de pesca artesanal que aproveitan as riquezas mariñas da zona.

Nas cercanías, pola costa, localizaremos as ruínas da Ermida de San Tirso, que quedou en desuso nos anos 30 do pasado século, cando se construiu a actual igrexa da parroquia en Vilachá. Segundo a lenda, o corpo descuartizado do Santo, chegou ata o mesmo cantil, nunha barca de pedra, que se pode contemplar ao baixar a marea no rompente do mar. Neste punto poderemos gozar dunha gran beleza paisaxística, podendo observar un conxunto de pequenas illas coñecidas como Insua da Cal , as Meás e Punta Merixe.

Na historia recente, no lugar cercano da Enseada de Regodola na década de 1970, promoveuse a construción dunha central nuclear. Este proxecto encontrou unha forte oposición tanto na sociedade galega da época como nos habitantes da zona, e o 10 de abril de 1977 tivo lugar unha manifestación histórica, na que 8.000 persoas marcharon desde Viveiro até Xove, evitando finalmente a súa instalación.