Pazo de Ibáñez
Construída a finais do século XVIII sobre a base dunha antiga construción do XVI, a actual Casa Consistorial de Ribadeo foi a vivenda que mandou levantar o Marqués de Sargadelos, posteriormente Hospital Militar e sede do Banco Casas. Desde 1944 é de titularidade municipal.
De planta rectangular, dúas alturas e tellado – con bufardas - de lousa a catro augas, a ampliación á forma actual data do século XIX. Destaca o soportal cos catro grandes piares e o balcón de forxa saído dos fornos da fundición Sargadelos, de onde proveñen tamén os peches das ventás. Da familia do Marqués consérvanse dúas lápidas, unha no exterior e outra no vestíbulo, así como algunhas pinturas.
O Pazo de Ibáñez ou Pazo de Sargadelos contribúe ao valor histórico e artístico da praza principal de Ribadeo, onde comparte espazo con outros edificios emblemáticos como a Torre dos Moreno.