Monte Maior
Pequeno enclave montañoso preto da costa que forma un cordal de baixa altitude que separa as cuncas dos ríos Landro e Ouro. A súa paisaxe en xeral, é suave e de formas redondas, con amplas zonas chans, contrastando coas súas ladeiras moderadas ou fortes, sobre todo cara á vertente do val do río Landro. Agocha xoias da fauna e flora exclusivas que debemos de conservar para as xeracións futuras.
Este espazo natural está protexido pola Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación.
Destaca este espazo pola presenza de interesantes turbeiras de cobertor a moi baixa altitude, e tamén matogueiras dominadas por diversas queiroas e toxos.
Localizanse tamén terreos densamente cubertos por musgos e saturados de auga, destacando entre eles un raro esfagno e a presenza de dúas especies de marteliños ameazadas.
Existen especies de interese europeo para a conservación, como o caracol de Quimper, a lesma galaico-irlandesa, a bolboreta señoriña dos brañais e a vacaloura, ademais de contar coa presenza da píntega rabilonga, endemismo do noroeste ibérico ou a lagarta da serra, e nos mellores regatos a ameazada aguaneira.