Miradoiro do Monte Castelo

 
Miradoiro

A 132 m sobre o nivel do mar, sitúase o cumio do monte Castelo, chamado así como tantos outros puntos na xeografía galega, pola súa posición sobresaínte sobre o medio. No pasado estas elevacións tiveron funcións importantes para a observación, vixiancia, defensa e dominación do territorio, edificando moitas veces, torres, pequenos castelos. Por iso dende o pico, temos unha vista privilexiada sobre a magnífica paisaxe natural, pétrea e humana.

Realizaremos unha pequena ruta de uns 2 km de lonxitude pola zona, subindo ao cumio do monte Castelo. Na zona poderemos disfrutar dun conxunto de seres de pedra, modelados pola erosión con singulares formas de animais e outras formas que queiramos crear. Aguzaremos a nosa imaxinación para atopar nos arredores do faro, tres pedras chamadas as Osiñas, o rinoceronte, o pingüín, a Pena Cabaleira preto de Vilachá de considerables dimensións e forma de moa xigante, o rinoceronte, a quenlla, o ollo do demo xa no cumio.

O esforzo ten premio, porque nos permite alcanzar os dous miradoiros con bancos que agora existen sobre o cantil. O primeiro é o Miradoiro de Nacente, onde as vistas son excepcionais, abranguendo dende Punta Roncadoira a Punta Arxente e ao Illote de Ansarón, que aquí cede protagonismo á máis próxima Insua da Cal. Xusto ao pé deste asento de madeira atópase a denominada Pena Sombreireira, pola cobertura que a mesma fai, tamén hai quen a identifica coma unha boca de balea.

Aínda temos que subir un pouco máis para alcanzar o Miradoiro de Poñente, tamén con banco, que neste caso mira cara a Punta Roncadoira e Estaca de Bares.