Fornos de Vilaoudriz
O que queda dos fornos é o vestixio do pasado industrial e do potencial mineiro de A Pontenova. Dedicábanse ao procesamento do mineral do ferro. A época de máis esplendor chegou no 1900 coa creación da “Sociedad Minera de Vilaoudriz” por Julio Lazúrtegui. As súas cinco chemineas son troncocónicas cunha altura de 11 metros e unha anchura de 4 metros.
Nos montes de Vilaoudriz explotáronse varias minas de ferro fosfórico, chamáronse “Luisa”, Vieiro” e o grupo “Consolo-Boulloso”.
O mineral extraído en galerías e a ceo aberto, chegaba nos vagóns aos fornos onde se procesaba para conseguir ferro de boa calidade. Primeiro basculábanse en capas alternantes o mineral e o carbón para a combustión e procedíase á calcinación. Así eliminábanse os residuos fosfóricos do ferro, coñecidos como escouras, aproveitadas como fertilizantes.
Para o seu transporte ata o porto de Ribadeo, desde onde iría nos cargueiros a distintos puntos de Europa, en 1902 constrúese un ferrocarril. Nos seus 34 km de percorrido tiña 13 túneis, 4 pontes metálicas e unha de cementación, ademais dun cargadoiro metálico sobre a ría. Dende 1905 tamén levaba pasaxeiros en dous vagóns distribuídos en tres clases.
O abandono definitivo dunha actividade que se desenvolveu durante máis de seis décadas tivo lugar no 1964.