Ruta Fragas da Pontenova
A ruta das Fragas da Pontenova, discorre por sendas e carreiros que se internan nas fragas do espazo natural ZEC Carballido. Amósanos sorprendentes bosques autóctonos con notable biodiversidade que mudan extraordinariamente co paso das estacións.
Pequenas fervenzas, que aquí chaman seimeiras e interesantes mostras do noso patrimonio etnográfico ligadas aos cursos de auga, como os muíños, machucos e ferrerías, pasando tamén por interesantes aldeas, como Sanxés ou Vilarxubín que conservan a esencia da arquitectura popular nas casas, hórreos e eiras.
Dende a partida na aldea de San Xes, poderemos aprezar a arquitectura tradicional das súas casas, hórreos e eiras, e tamén o espazo para as esculturas en madeira e pedra ao ar libre do escultor Manuel Marques que transformaba a natureza, arbores, pedras...en figuras cheas de vida.
A sonoridade da auga nas fragas
O camiño mergúllanos nun bosque espeso, húmido e diverso regado por pequenos regos como o Bidueiro que nalgúns puntos forma bonitas e sonoras fervenzas. No rego das Reigadas, atopamos unha fermosa fervenza chamada Pozo da Chamosa.
As fervenzas teñen en Galicia moitos nomes: fírbedas, cachóns, cadoiros, pozos, seimeiras, sendo estes dous últimos nomes os que máis abondan nesta zona.
Fragas extensas que acollen unha diversa flora e fauna
O camiño adentranos nas fragas, con moitas especies de árbores. O mais abondoso, o carballo, conta con exemplares de gran porte. Na ruta estará acompañado dos castiñeiros, os bidueiros, e os cerquiños, así como as abeleiras, os pradairos e os acivros.
Os ríos e regatos, afluentes do río Eo, as pontes e pontellas, acompañarannos nesta ruta. Están flanqueados por importantes bosques de ribeira de ameneiros, salgueiros, freixos, e sanguiños. Nesta zona de vales protexidos poderemos encontrar unha rareza vexetal protexida, o fieito de botón, de tamaño grande e procedente de etapas climáticas hoxe desaparecidas en Europa.
Acolle varios invertebrados considerados importantes na conservación europea como o caracol de Quimper, a vacaloura e anfibios e réptiles como a píntega rabilonga e o lagarto das silveiras.
Aquí tamén atopan refuxio unha gran diversidade de mamíferos con especies de elevado interese, como o auganeiro e a lontra que son comúns nos cursos de auga.
Estas valiosas e extensas fragas forman parte da ZEC Carballido e da Reserva da Biosfera Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón, declarada pola UNESCO no 2007
Pequenas industrias movidas pola forza da auga
A carón dos ríos e regatos que atravesaremos nesta ruta poderemos ver numerosos muíños, que aproveitaron de maneira enxeñosa e non contaminante a forza da auga para transformar o gran en fariña. Tamén nos atoparemos coas "corripas" que son unhas estruturas circulares que se utilizan para a conservación e maduración das castañas.
Pero ademais na comarca pola que transcorre esta ruta floreceron outras industrias dedicadas ao traballo e transformación do ferro, un mineral moi presente en Galicia.
No remate da ruta agarda por nós unha guinda especial: a interesante Ferrería de Bogo, un conxunto etnográfico moi valioso que foi restaurado e agora estña abandonado. Está composto por un muiño e o mazo da forxa que funcionaron máis de dous séculos alimentados polas augas do río Reigadas. A orixe desta ferrería se remonta ao ano 1534, cando o nobre Pedro de Miranda a puxo en marcha, traballando até finais do século XVIII, cando se detivo por mor dun incendio.