Fervenza de Tronceda
O traballo erosivo da auga do río Tronceda durante millóns de anos formou marmitas de xigante (pozas) no duro leito e naqueles lugares onde a forza da auga non é capaz de erosionar as rochas, o río salta formando rápidos e fervenzas como esta de Tronceda.
O río Tronceda nace na Serra do Xistral, sendo o maior dos afluentes do río Masma. A accidentada orografía responsable da formación da Fervenza, tamén permitiu o aproveitamento hidroeléctrico do río, a través de varias minicentrais e a construción dunha canle para derivar as súas augas á central hidroeléctrica de O Cargadoiro.
Nas proximidades da Fervenza hai unha área de recreo e os restos da antiga central hidroeléctrica. Tamén unha pequena ruta de sendeirismo permítenos coñecer a súa contorna máis próxima.
A Fervenza forma parte da Ruta Leiras Pulpeiro, quen na súa actividade como médico visitou moitos lugares e descubriu esta paraxe á que lle tiña un especial agarimo e incluíu na súa obra poética.