Fervenza da Xestosa. Xeoturismo
A fervenza da Xestosa áchase no extremo sur do concello de Ourol. A Mariña do mesmo xeito que o resto de Galicia conta cun gran número de saltos de auga, pero o da Xestosa ten algo de especial dende o punto de vista xeolóxico.
Desenvolveuse sobre as rochas que a día de hoxe están consideradas como as máis antigas de Galicia, ou o que é o mesmo, ten arredor dos 580 millóns de anos.
Naquel momento da historia do planeta había moi poucos seres vivos -non existían nin os peixes, nin as plantas terrestres nin os réptiles- e os que había estaban moi pouco evolucionados e posteriormente extinguiríanse.
Estes materiais tan antigos reciben o nome de migmatitas, e orixináronse a partir de sedimentos mariños que posteriormente son sometidos a unha intensa transformación a altas presións e temperaturas de máis de 700ºC que as converte nas rochas que son agora. Así mesmo, mostran un característico bandeado de cores claras e escuras, con presenza de pequenas dobras, o que indicaría o comportamento plástico -flexible- que tiveron nalgún momento da súa historia xeolóxica.
En ocasións tamén se atopan corpos ou niveis de granitos, como produto da fusión das migmatitas ou doutras rochas no interior da Terra.
A escasos metros desta fervenza atópase a falla de Viveiro.
Unha estrutura xeolóxica que dá orixe á ría do mesmo nome e esténdese ao longo de case 200 quilómetros marcando un claro límite entre formacións xeolóxicas. Esta gran cicatriz no terreo é produto dun colosal choque entre placas tectónicas fai 300 millóns de anos.
Do outro lado da falla aparecen lousas negras, rochas metamórficas ricas en grafito -de aí a súa cor tan escura- e que albergan un curioso mineral, a cianita, empregada en xeoloxía como proba das grandes presións que recibiron estas rochas.
Máis información: Fervenza da Xestosa.
Coa idea de completar a información xeolóxica sobre a falla de Viveiro aconséllase visitar o miradoiro de San Roque, localizado na ría.
Outras propostas para a práctica do Xeoturismo na Mariña. Máis info aquí.