Área recreativa da Insua

 
Miradoiro

A explotación mineira do ferro dos Montes da Silvarosa contaba con estas infraestruturas para o transporte e a carga en barcos do mineral, moi demandado en Alemaña pola industria armamentística das primeiras décadas do século XX.

O transporte do mineral era en parte aéreo, co primeiro tranvía con sistema Bleichet de Galicia, que aproveita o desnivel propio do terreo para o descenso da carga. Noutros tramos usábanse túneles e galerías. O tramo final adéntrase no mar co cargadoiro, do que hoxe só se conservan uns metros e se pode recorrer como miradoiro privilexiado á ría de Viveiro.

Como parte do complexo mineiro - do que chegaron a formar parte case 500 traballadores, moitos asentados en vivendas da empresa -  esta zona estivo en funcionamento entre finais do s. XIX e a década dos 60 do s. XX, cambiando varias veces de titularidade. O seu abandono produciuse cando a calidade do mineral extraído foi xa insuficiente.

Agora é unha zona de ocio e lembranza dun pasado industrial moi importante para a comarca.