A Ponte Maior ou da Misericordia

 
Otro patrimonio histórico

Construída solidamente en perpiaño e con 500 m de lonxitude, conserva 9 dos seus 12 arcos iniciais, que datan do século XV. Esta ponte une as marxes da ría de Viveiro, desde a porta de Carlos V, até a capela da Misericordia, da cal recibe o seu nome.

Sabemos da súa existencia documental no ano 1224, aínda que a súa reconstrución comezou no ano 1462, durante o reinado de Henrique IV, e rematou en 1544 baixo o mandato de Carlos V. Crese que puido ser levantado sobre unha ponte anterior de orixe romana. Actualmente conserva visibles nove arcos, dos doce iniciais, debido aos sucesivos ensanches e modificacións que alteraron o seu aspecto primitivo. Serviu como embarcadoiro e tamén para labores de carga e descarga a través dun guindastre.

Na ponte poderemos ver a chamada “Cruz do Rollo” unha cruz de granito. O seu nome quizais estea asociado cun dos métodos de tormento utilizados na Idade Media.

Segundo a lenda, na Idade Media aconteceu unha pelexa entre dous cabaleiros e un deles matou ao outro. O que quedou con vida, para manifestar o seu pesar, mandou erixir a cruz para que a xente que polo lugar pasara rezara unha oración pola alma do finado. O cabaleiro foi condenado no patíbulo que ao parecer se levantaba no coñecido como Coto da Misericordia.

Ao final da ponte están a capela do Ecce Homo e o Pazo da Misericordia. A capela  de estilo renacentista, foi fundada no 1603, por Rodrigo Alonso Alfeirán. Destacan o retablo neoclásico da Asunción da Virxe, do Altar Maior, e os frescos historiados da cúpula sobre a vida e milagres da Beata Constanza de Castro, obra de Camilo Díaz Baliño (1917).

​No altar lateral dereito venérase a popular imaxe do Ecce Homo, ao que se rende culto popular e ao que acoden multitude de devotos o primeiro venres de marzo, “día das tres grazas”, a pedirlle tres desexos. Os mariñeiros, teñen unha curiosa tradición ao saír a faenar, elevan a súa ultima oración dirixindo as proas do barcos cara a capela.