Torre dos Moreno

 
Pazo

A principios do século XX os irmáns Juan e Pedro Moreno Ulloa volveron de América con fortuna e coa idea de levantar unha gran casa de rendas. Co paso do tempo converteuse na máis chamativa da Ruta dos Indianos de Ribadeo, pola súa peculiaridade, as innovacións na súa construción e sobre todo pola súa torre, un referente do casco histórico.

 Deseñada por García Núñez, discípulo de Gaudí, o edificio ten tres plantas e baixo cuberta, tres escaleiras, seis patios…Pero a súa novidade está nos materiais - formigón armado, ferro forxado, tellas de porcelana, vidreiras de cores… –, a incorporación de ascensor e aseo en cada vivenda e a combinación de estilos máis alá do modernista da súa época. Na súa torre  destacan os múltiples adornos e a cúpula soportada por catro cariátides.

Esta casa está catalogada como Ben de Interese Cultural, polo que, aínda que pertence agora a unha empresa privada que a restaurará, terá no futuro parte do seu espazo visitable para todo o público.

Recomendámosche

Audioguía ficcionada

Rememora os vellos tempos cun paseo polo rico escenario arquitectónico e o legado indiano desta vila a través da Audioguía ficcionada "Ribadeo, alén do tempo". Esta visita convídate a regresar ao pasado para recrear un tempo no que os emigrantes retornados deixaron unha inconfundible pegada cultural e patrimonial en Ribadeo.