Serra do Xistral

 
Espazo natural

Trátase dunha extensa área montañosa moi pouco poboada, con aldeas escasas e moi dispersas e gando pastando en semiliberdade. A súa paisaxe está chea de contrastes, con fortes pendentes e vales moi encaixados e extensas zonas amesetadas ou de relevo ondulado e suave nas partes máis altas.

Destaca especialmente pola presenza das turbeiras de cobertor, que constitúen o único hábitat de interese comunitario de España que é exclusivo de Galicia e contén especies moi valiosas e ameazadas ou en perigo.

Este espazo natural encóntrase protexido pola Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación.

 

Entre as numerosas especies pouco frecuentes, endémicas ou de interese para a conservación encóntranse a árnica e diferentes musgos e plantas como varios marteliños que se encontran ameazados.

Consérvanse interesantes fragas de carballo así como algunhas manchas de acivros. Ademais de formacións de bosque, as zonas baixas son refuxio de fieitos procedentes de etapas climáticas hoxe desaparecias en Europa, reliquias prehistóricas, como o fento de botón.

É unha zona de gran relevancia paras as bolboretas acollendo especies de interese europeo como a señoriña dos brañais, ou outras exclusivas das partes altas desta serra, como son a montesa común e montesa pequena.

Unha das xoias é a poboación relicta de lagarta de turbeira, que alcanza nesta zona o extremo suroccidental da súa área de distribución. Nesta serra o lobo conserva unha das súas poboacións máis importantes en Galicia.