Ruta dos Muíños da Rigueira

 
Sendeirismo

Esta ruta discorre por unha senda, ás beiras do río Rigueira, desde a Ponche Barxa ata a Ponche do Carro no Concello de Xove.

Camiñaremos descubrindo os bosques de ribeira e prados e os 9 muíños tradicionais de auga que nos mostran un rico conxunto de manifestacións da nosa arquitectura popular, da nosa cultura e etnografía que debemos conservar.

EDAR de Regosanguento
Ponte do Carro / Igrexia de Rigueira
5 Km
1 h 40 min
Ruta lineal
Dificultade
Global
Baixa

Iníciase a ruta en Ponche Barxa, á beira da Depuradora de augas. A ponte cruza o río Rigueira, que nos guiará por todo o camiño. O río nace en San Isidoro do Monte e, tras 14 quilómetros, desemboca na praia de Lago.

O río Rigueira alberga moita vida

Ao longo do camiño mestúrase a paisaxe fluvial con prados para pasto, hortas e árbores froiteiras e algunhas aldeas e muíños. No camiño atoparemos números pontes de pedra e de madeira que comunican ambas beiras, presididas en moitos tramos por ameneiros de gran porte. Acompáñanos, formando parte deste bosque de ribeira, outras árbores como o carballo, o bidueiro, o salgueiro, o freixo, a abeleira e fieitos como o fieito real.

Os bosques de ribeira cumpren un papel ecolóxico fundamental na conservación dos ríos, pois regulan a temperatura das augas, especialmente no verán, suxeita as marxes, impedindo arrastres nas crecidas, e actúa como filtro verde purificando as augas que se incorporan ás correntes. Ademais ofrece refuxio e alimento a unha diversa fauna de ribeira, ofrécennos distintos aproveitamentos e forman un corredor natural que facilita a dispersión das especies.

Os muíños, patrimonio cultural e motor socioeconómico

O río da Rigueira é un claro exemplo da abundancia de muíños de auga en Galicia, pois xa no Catastro do Marqués da Enseada de 1749 aparecen censados máis de 30.000 muíños, o que nos indica a súa importancia social e económica Hoxe en día moitos muíños están abandonados pero algúns veciños recupéranos, como no caso do Muíño de Abad, e moen o gran e fan pan no seu forno, co fin de rememorar e pór en valor esta cultura do pan e as súas tradicións.

O último muíño na ruta, de propiedade municipal, atópase na área recreativa de Ponte do Carro.

Arredor dos muíños xurdiu un rico folclore

Hai unha gran tradición popular arredor dos muíños, xa que foron lugares de encontro e diversión, as muiñadas, mentres se esperaba a moenda do muíño. Unha gran riqueza de nomes de lugar, tradicións, refráns, ditos, cancións... xurdían mentres se esperaba a vez para moer. Incluso o baile máis típico de Galicia, a muiñeira, ten a súa orixe neses momentos.

Unha noite no muíño,

unha noite non é nada;

unha semaniña enteira,

esa si que é muiñada.

No punto final atópase a Igrexa parroquial da Rigueira, do s. XVII onde se celebra a, antigamente concorrida, Romaría de San Antonio o 13 de xuño, á que acudían os romeus seguindo 8 rutas distintas que confluían nesta igrexa, para pedirlle ao Santo que protexese aos animais domésticos.

Lectura da ruta

Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.