PR-G 81 Ruta da Fraga da Becerreira

 
Sendeirismo

Este itinerario circular móstranos, a través de pistas de terra e camiños, o espírito do bosque. O camiño discorre por lugares de gran valor ecolóxico, con diversidade de medios forestais como un piñeiral, bosque de ribeira e bosque autóctono ben conservado. Camiñaremos polo seu interior descubrindo sorpresas lendarias e tamén os tesouros da flora e da fauna.

Esta ruta está homologada pola Federación Galega de Montañismo como Pequeno Percorrido Galego, PR-G 81.

Estrada CP 55-06
Estrada CP 55-06
6,2 Km
3 h
Ruta circular
Desnivel
572 m.
291 m.
Dificultade
Global
Baixa

A fraga da Becerreira conserva importantes valores

A ruta iníciase baixando por un camiño que discorre por un piñeiral até chegar ao arroio de Vilapercide, onde comezamos a penetrarnos no bosque. Esta importante masa forestal autóctona de bosque atlántico, ten unhas 100 ha. de superficie nas que esconde unha interesante diversidade de especies. Os bosques son o resultado dunha evolución natural, proporcionan materias primas (madeira, froitos, principios activos para distintos medicamentos...), podemos gozar da súa paisaxe ou pasear por eles e contribúen ao equilibrio ecolóxico do medio, conservando recursos tan necesarios como o aire, os chans e a auga.

A ruta ascende acompañando o arroio ata o seu nacemento. Cruzando de beira a beira por pasarelas de madeira, a través do típico bosque de ribeira húmido e escuro e logo nas zonas máis altas aparece unha espesa e densa fraga. É un bosque espléndido no que poderemos recoñecer moitas especies de árbores identificadas por medio de placas que os ilustran, así como unha gran variedade de plantas, como a arándeira, a xilbarbeira, o fieito real... Toda esta diversidade ofrece alimento e refuxio a unha abundante fauna.

O bosque esconde moita vida salvaxe

O descenso cara ao punto de partida é suave e discorre por un bosque de carballos con abundante vida. Neste bosque autóctono atopan alimento e refuxio unha gran cantidade de animais. A riqueza e diversidade de insectos é enorme. O cervo volante, coas súas potentes mandíbulas, é un dos máis rechamantes e o máis grande dos escaravellos do bosque. Polos troncos ascende o gabeador común mentres descende o piquelo azul, dous pequenos paxaros na procura de insectos que viven na árbore, avelaíñas, escaravellos, chinches.

Outras aves do bosque que podemos escoitar será o tamboreleo do peto real cando golpea os troncos en busca de insectos ou o estridente berro da pega marza que delatará a nosa presenza.

Os seres mitolóxicos dos bosques

No final do descenso atopámonos coa fonte das Gimenas. Aproveitando un manancial natural creouse esta fonte onde manan augas cristalinas e de gran pureza. Este tipo de auga son o lugar favorito das Gimenas e as Xanas, pequenos seres misteriosos que frecuentan este bosque e encántalles chapuzar e beber nestas augas.

Acompañando á fonte viven ademais outros ser fantásticos. As Lavandeiras son espíritos que aparecen nas noites de lúa chea nas beiras dos ríos, onde lavan as sabas. Dise delas que son mulleres que morreron no parto e piden axuda aos vivos para escoen as súas sabas, pero estas deben retorcerse ao contrario que a Lavandeira. Senón, este encontro podería traer mala sorte, incluso a morte.

Desde este punto volvemos ao comezo polo mesmo camiño.

Lectura da ruta

Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.