Pena Abaladoira
O desgaste das rochas de granito deixa na paisaxe estes grandes bolos ou penedos arredondados, pousados ao parecer nun precario equilibrio sobre a base.
O nome deriva do verbo "abalar" : abanear ou facer oscilar sen cambiar de lugar. A esta propiedade atribúeselle carácter divino desde a antigüidade, sendo lugar de culto e rituais por moitos séculos.
Pena Abaladoira ten 4 metros de alto, 4 de ancho e 5 de longo, cun peso aproximado de 20 toneladas. Na parte superior presenta sumidoiros ou pías fondas e unha canle de desaugue. Aprecianse restos da posible inscultura dunha "bicha", serpe xigante con cabeza humana.
Conta a lenda que nesta pena practicábanse sacrificios de animais botábase o sangue polos sumidoiros para logo purificarse con el. Dise que a auga que apoza nesas pías cura as verrugas.
Rituais de fertilidade ou de éxito na maternidade eran tamén practicados sobre Pena Abaladoira.
O "abalar" da pena empregábase para ritos adiviñatorios ou para xuízos e probas da verdade ("licium Dei"). Que a rocha se movese ou non determinaba a culpabilidade, inocencia ou sospeita sobre un acusado, práctica presente ata o século XIII.
Tamén pasar por embaixo e movela cunha soa man era a cura contra o reuma.
A día de hoxe, pola acumulación de terra e vexetación, non sería posible comprobar ese movemento abalante, o que non quita engado e maxia a esta paraxe singular.