Nove fervenzas para desfrutar da natureza na Mariña Lucense

 

Propoñémosche gozar da nosa natureza privilexiada. Esta vez imos buscar fervenzas, caídas de auga que nos sorprenden en paraxes naturais sorprendentes, nas que poderás respirar aire fresco, relaxarte co murmurio da auga e gozar de momentos de paz. Pérdete nos recunchos máis frondosos da Mariña Lucense e descubre algúns dos segredos mellor gardados da zona norte de Lugo.

Pozo da Ferida

Un enclave natural pouco concorrido á vez que fermoso, situado entre os municipios de Xove e Viveiro. Aquí, unha bonita fervenza desemboca nunha poza circular que conta coa súa propia lenda. A historia conta como unha muller cae nela cun feixe de vexetais para facer esterco, xustificando así a particular cor das súas augas.

Chegarás a través da estrada de Viveiro a Mondoñedo collendo un desvío a Valcarría, ou ben camiñando dende a Casa do Batán, seguindo o curso do río Loureiro.

Fervenza do Río Xestosa

No camiño entre Muras e Ourol, atópase este recuncho no medio da natureza onde unha caudalosa fervenza de 20 metros de caída fai deste un precioso lugar. Non destaca tanto pola súa altura senón pola súa beleza. Pérdete nesta paraxe para contemplar e gozar do son das augas caendo.

Pozo da Onza

Un percorrido perfecto, mesmo para facela con nenos, é a que conduce ao Pozo da Onza no Valadouro. Para chegar, partindo dende Ferreira cóllese a estrada vella de Burela e, antes de chegar a Budián, un indicador mostrarache como chegar a este carreiro.

Atravesando este sinxelo percorrido por un ascenso de escalinatas polo bosque, chegamos ao Pozo da Onza. Un remanso de paz no que se alza unha magnífica fervenza de case 15 metros de altura, que na súa base forma un pequeno lago ou poza entre o frondoso bosque de Budián.

Fervenza do Escouridal

Dividindo os concellos de Alfoz e O Valadouro, atópase esta preciosa fervenza considerada como a máis alta de Galicia. Para chegar ata ela, poderás realizar unha ruta moi sinxela e ben sinalizada, perfecta para gozala en familia (por Alfoz).

Este enclave é fermoso e máxico. Unha vez alí, poderedes continuar o carreiro tamén adaptado para chegar ao cume desta fervenza e así poder apreciar a súa impoñente caída. 80 metros entre saltos de auga e tobogáns que conforman unha imaxe belísima e única.

Salto do Coro

Este enclave natural, agochado tras a localidade de Mondoñedo, é perfecto para completar a túa visita a esta histórica vila. A fervenza forma parte da Ruta da Auga, que parte da Fonte Vella.

Camiñando por sendas nun entorno de bosque de ribeira e acompañado polo son do río, accederás a este bonito Salto na cima dunhas escaleiras de pedra. Trátase dunha paraxe idílica rodeada de vexetación, perfecta para gozar da natureza.

A Fervenza de Viloalle

A fervenza atópase a 3 km de Mondoñedo e está sinalizada pola LU-160 dirección Alfoz. Pódese acceder en coche, desviándose á esquerda tras 2 km e seguindo unha pista estreita ata unha zona de aparcadoiro, ou a pé por un sendeiro sinalizado con panel informativo. O río Tronceda, procedente da Serra do Xistral, forma pozas e saltos caudalosos. A área inclúe unha poza natural, unha piscina fluvial, unha zona de merendas e a "Ponte dos Carabullos". Ademais, está integrada nunha ruta en homenaxe a Leiras Pulpeiro e inclúe a rehabilitación dunha antiga fábrica de luz.

Fervenza de Guilán

O río Guilán forma unha fervenza de 70 m de altura repaetidos en tres caídas diferentes. Destaca polo seu volume en especial en inverno. 

A Fervenza de Guilán, en Xove, é accesible dende a LU-P-2604, a 600 m dun cruce sinalizado na LU-862 en Xove. Dende alí, un camiño forestal ben sinalizado entre eucaliptos leva á fervenza tras 2 km, seguido dun ascenso empinado de 250 m. Outro acceso máis curto, sen sinalización, parte do Polígono Industrial de Camba na LU-862.

A Férrea

A fervenza de A Férrea atópase na Ruta de A Férrea, accesible a pé dende A Pontenova ou en coche a uns 3 km. O percorrido comeza seguindo a N-640 cara a Ribadeo, desviándose cara ao polígono industrial e continuando por estradas locais ata a curva de Torrentas, onde hai un pequeno aparcadoiro a 300 metros da catarata. O regato de Parada destaca por formar pequenos saltos de auga, sendo o máis notable a propia catarata, cunha caída de 8 metros que varía segundo a estación.

Salto de San Estevo do Ermo

No concello de Barreiros non podes perder esta máxica ruta. A través dun precioso bosque de eucaliptos, chegarás á Ermida de Santo Estevo, tamén chamada de Augas Santas, xa que aquí se atopan dúas fontes de augas mineiro-medicinais das que se cría no seu poder curativo.

Tras visitar a capela, un carreiro que discorre a través do bosque autóctono conducirate á parte alta da Fervenza de San  Estevo  do  Ermo. Un espectáculo natural marabilloso onde o río San Esteban se precipita dende un pouco máis de 15 metros en caída sobre a rocha.

Despois de visitar a fervenza, se se dispón de tempo, merece a pena alcanzar o Miradoiro de  Penabor, que ofrece unha panorámica única da Mariña Lucense.

Se es amante do turismo slow, do sendeirismo e de descubrir os recunchos que esconde a natureza, non dubides en coñecer as fervenzas da Mariña Lucense. Son enclaves de gran beleza para gozar de percorridos cheos de paz e tranquilidade.