I Foro de Turismo e Sostibilidade A Mariña Lucense (1/10/2025)

 

O mércores 1 de outubro de 2025, o salón de actos da Casa da Cultura do Valadouro acolleu o primeiro Foro de Turismo e Sostibilidade da Mariña Lucense, un espazo de reflexión e encontro para falar sobre os retos do desenvolvemento turístico e a importancia de avanzar cara a un modelo máis sostible.  

O evento, aberto a profesionais, entidades públicas, negocios locais e veciñanza, forma parte do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña  -financiado entre a Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo- e contou con voces expertas do sector que achegaron unha visión diversa sobre como avanzar cara a un modelo turístico máis respectuoso, integrador e de calidade.

Entre as persoas convidadas estiveron especialistas en economía circular, xestión territorial, turismo gastronómico ou planificación estratéxica, xunto con representantes locais.

O obxectivo: compartir experiencias, detectar tendencias globais e debuxar o futuro do turismo na Mariña.

A participación foi gratuíta, con inscrición ata o 29 de setembro, a través da seguinte ligazón.  

 Data e lugar: 1 de outubro, de 9:00h a 14:15h, Casa da Cultura do Valadouro.

 

Como transcorreu o encontro?

Unha xornada enriquecedora.

Este I Foro Turismo e Sustentabilidade contou coa participación de máis de 70 persoas, técnicos e profesionais do sector turístico da Mariña Lucense, pero tamén cidadanía en xeral.

Un evento que posicionou A Mariña como un lugar de reflexión e debate sobre os retos e desafíos da actividade turística.

 Inauguración

O encontro foi inaugurado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López; o director xeral da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela.

Na súa intervención a presidenta da Mancomunidade da Mariña destacou a importancia deste foro como un espazo no que traballar nas estratexias e solucións coas que “avanzar cara a ese modelo sostible ao que todos aspiramos” porque, tal como indicou “todos queremos un turismo que achegue beneficios económicos pero non a costa do benestar integral do territorio”. Neste sentido lembrou que desde a Mancomunidade estase a traballar en diversos proxectos para o fomento do turismo activo, de natureza, cultural e gastronómico a través dos cales aspiramos a crecer como destino sostible. Son iniciativas para reforzar as redes de colaboración e mellorar a calidade de servizos no territorio e proxectos que responden a unha planificación coa que facer da Mariña un lugar cada vez máis visible e mellor posicionado.

 Turismo e sustentabilidade

O encontro contou coa participación de expertos en turismo e sustentabilidade de diferentes organizacións que compartiron as súas experiencias, analizaron as principais tendencias a nivel global e expuxeron conclusións para prácticas sostibles no territorio.

- Iñaki Gaztelumendi (consultor estratéxico no sector turístico e asesor da ONU Turismo) abordou no seu relatorio o reto que supón a implantación dun modelo sostible “que considere o turismo como unha actividade para atopar o equilibrio entre o benestar dos residentes e os beneficios económicos, reducindo os impactos negativos sobre a contorna e as comunidades”.

- Alfonso Bertrán (arquitecto Fundación RÍA) compartiu varios dos proxectos que vén realizando a Fundación RÍA, centrados na mellora das poboacións locais e que se desenvolven conforme a unha profunda colaboración coas comunidades locais. Trátase de investigar nos territorios, comprender a súa evolución ao longo dos anos e integrar as necesidades e preocupacións principais en proxectos concretos.

- Nere Ariztoy (consultora e formadora en turismo, márketing e comunicación) presentou o proxecto desenvolvido en Urola Kosta, unha comarca de Guipúscoa que liderou unha iniciativa para poñer en valor o territorio e un modelo turístico sostible, respectuoso coas persoas e coa contorna. Neste sentido destacou a importancia de xestionar, crear e dar vida ao territorio a través da colaboración entre todos os axentes implicados, apostando pola sustentabilidade e polas persoas que habitan os espazos.

- Patricia Dueñas (responsable global de Economía Circular en Iberostar Hotels & Resorts) explicou na súa intervención o proxecto de sustentabilidade emprendida desde a compañía na que traballa. Convidou aos participantes a reflexionar sobre a capacidade de cada persoa para avanzar na sustentabilidade dentro da súa área de influencia, un exercicio individual a favor dun cambio global. Ademais, destacou a importancia de pensar e repensar como se distribúe a riqueza que xera o turismo, xa que debemos implantar un modelo que beneficie a todos.

 Pausa-café

Os asistentes degustaron un petisco servido polo Colectivo de Gastronomía da Mariña, que consistiu en diferentes pratos elaborados con produtos e receitas tradicionais da Mariña, así como un servizo de café ofrecido polo Departamento de Hostalería do IES de Foz.

 Mesa redonda

O foro finalizou cunha mesa redonda na que, aos relatores, sumáronse representantes do tecido social, institucional e empresarial da Mariña, como Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense; José Manuel Villapol, representante na Mesa de calidade no SICTED; Pepe Peinó, coordinador do programa Mariña Marabillosa; e Carmen Cruzado, presidenta da Federación de Comercio A Mariña (FCAM).

A mesa redonda foi un espazo participativo no que se compartiron visións do que é un turismo sostible e como A Mariña ten a oportunidade, os recursos e a vontade para avanzar nun modelo respectuoso capaz de xerar valor e riqueza para as persoas que integran o sector e para a poboación en xeral. O crecemento do turismo nas últimas décadas converteu a este sector nunha das principais forzas mobilizadoras da economía, o que tamén ten unha serie de consecuencias a nivel social e ambiental que os territorios deben ser capaces de abordar con perspectiva de futuro.

 

A iniciativa enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, a  Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, e que nos últimos anos vén avanzando na execución de diferentes proxectos que teñen como obxecto favorecer o desenvolvemento dun turismo máis integrador, respectuoso e de calidade no territorio.

 

Convidámosche a compartir connosco a túa opinión, a través desta pequena enquisa, sobre os impactos positivos e negativos do turismo na Mariña que nos reportará unha información moi útil e necesaria para unha xestión turística responsable.

Moitas grazas pola túa colaboración!