Entroido na Mariña
A Mariña convídache a mergullarte nun Entroido vibrante, cheo de tradición e diversión.
Nesta zona de Galicia, o Entroido vívese con intensidade, enchendo cada recuncho de música, cor e ledicia. Desfiles espectaculares, concursos, pasarrúas cheos de ritmo, ceas e galas inesquecibles, obradoiros creativos, impresionantes fogos artificiais, mascaritas, xigantes e cabezudos, coplas… Unha celebración única que converte A Mariña no destino perfecto para gozar desta festa tan especial.
Cada concello presenta as súas propias propostas, algunhas innovadoras e outras cunha longa tradición. Cada ano, os habitantes da Mariña saen ás rúas para gozar desta festividade e lucir os disfraces máis orixinais e divertidos que se poidan imaxinar.
Na Mariña Lucense, a maioría dos concellos organizan o seu propio "Desfile de Entroido", onde se reflicte o esforzo e a dedicación de numerosas comparsas que, durante meses, preparan impresionantes traxes e elaboradas coreografías. Ademais, en distintos puntos da comarca, o Entroido despídese con tradicións como a “Queima do Entroido” ou o “Enterro da Sardiña”, que poñen o broche final á celebración cun toque festivo e simbólico.
Nas programacións, que van desde o 31 de febreiro ata o 28 de febreiro, atoparás propostas específicas pensadas para os nenos e múltiples actividades. Ademais, barrios e asociacións organizan tamén celebracións ao redor destas datas, sumando motivos para a festa en cada recuncho da Mariña.
Entroido de Foz (Do 31 de xaneiro ao 20 de febreiro de 2026) + INFO
Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, esta celebración convértese nunha cita imprescindible na Mariña. Coa súa gran afluencia, unha ampla programación e a destacada implicación dos focenses, que cada ano se esforzan en mellorar as súas propostas, é considerada unha das festas de Entroido máis importantes. Con 44 anos de historia, o evento dá comezo coa tradicional Festa de Coroación da Raíña do Entroido.
O xoves 12 ás 20:00 h inaugúrase a Exposición de Entroido, seguida ás 21:30 h da cea-baile de Comadres con música en vivo. O venres 13, ás 20:00 h, terá lugar a lectura do pregón da festa, e ás 20:30 h comezará o Concurso de Coplas. O día 14, sábado de Entroido, ten lugar desde as 16:30 horas, o multitudinario "Desfile do Entroido” con saída desde a zona portuaria e remate no Campo da Cabana, nunha xornada amenizada pola música das charangas e que remata nun gran baile. O domingo 15 será a quenda dos máis pequenos cun Baile Infantil e o luns 16 celebrarase o “Baile do Farolillo”, un baile tradicional no que a metade da noite faise unha danza cun farol. Para rematar o Entroido de Foz, o venres 20 será “A Queima do Entroido”.
Entroido de Viveiro (Do 12 ao 18 de febreiro de 2026) + INFO
É un dos máis antigos de Galicia e tamén se celebra durante varios días cheos de cor e humor. Os actos comezan o xoves 12 co pregón da festa; o domingo 15 está adicado aos nenos con obradoiros e festa, e o martes 17, -día central de actos deste entroido- celebrase o concurso de disfraces durante o Gran Desfile de grupos, comparsas e carrozas polo centro histórico de Viveiro, con inicio desde a explanada da variante ata a Praza Maior. O mércores 18 a festa chega ao seu fin co tradicional “Enterro da Sardiña” que despide época festiva.
Entroido de Ribadeo (Do 14 de febreiro ata o 21 de febreiro de 2026). + INFO
Unha festa con historia e peso entre os seus habitantes, recuperada nos anos 80 por un grupo de veciños que apostaron por darlle pulo ao entroido ribadense, marcando unha axenda que inclúe o tradicional desfile o martes do entroido ou eventos tan divertidos como a “Comparsa do Cocho” ou a popular “Queima do Entroido”.
A primeira cita será a Gala do Entroido Chuvia de Estrelas, prevista para o sábado 14 de febreiro. O día 17, Martes de Entroido, ten lugar o Gran Desfile que percorre as rúas do centro histórico de Ribadeo. Para pechar este ciclo, o venres 21 de febreiro, é a saída da comitiva fúnebre que se reúne para celebrar a “Queima do Entroido” engalanada de fogos de artificio e unha monumental traca.
Entroido de Burela (13 de febreiro ao 18 de febreiro de 2026) + INFO
Burela organiza diversas actividades que comezan o venres 13 de febreiro cun Obradoiro Infantil de manualidades na praza do Concello e que teñen o seu punto culminante no Gran Desfile de entroido que se celebra o domingo 15 con saída ás 17 horas desde a rúa do Ril e final na Praza do Concello. O programa inclúe diversas propostas para os nenos e pecha co tradicional "Enterro da Sardiña" o mércores 18 de febreiro.
Entroido de Xove (13 de febreiro e 14 de febreiro de 2026) + INFO
Xove festexa o carnaval cun baile infantil o venres 13 para os máis pequenos, e a axenda continúa o sábado 14 co seu Gran desfile de entroido que rematará no Pabellón Municipal, cunha festa con música e premios.
Entroido no Valadouro (15 e 17 de febreiro de 2026) + INFO
No municipio do Valadouro organízase o domingo 15 de febreiro o tradicional Desfile de Disfraces de entroido que percorre a vila desde ás 17:30h. A festa continúa cun “Entroido Infantil” o martes 17 na Praza de Santa María, co que se despide a festa.
Carnaval en Barreiros (O 18 e 20 de febreiro de 2026). + INFO
O mércores 18 de febreiro, os máis pequenos poderán gozar da Festa Infantil no centro sociocultural de San Cosme, onde haberá música, xogos e agasallos para aqueles que acudan disfrazados. O venres 20 de febreiro terá lugar o esperado Gran Desfile de Entroido, que percorrerá as rúas dende a Praza do Concello a partir das 21:00 horas e contará con xigantes e cabezudos e grandes premios.
Entroido de Mondoñedo (do 7 ao 21 de febreiro de 2026) + INFO
A programación arrinca o sábado 7 de febreiro co IV Cocido – Baile O Pasatempo, seguido o venres 13 coa celebración da tradicional Cea de Comadres no Círculo Recreativo Casino, onde tamén terá lugar o martes 17 o Baile Infantil. O sábado 21 ten lugar o tradicional Desfile de entroido de Mondoñedo, no que carrozas e comparsas desfilan polas estreitas rúas do conxunto histórico a partir das 17:30h para concluír na Praza da Catedral. A festa continúa con propostas musicais que amenizan a entrega de premios.
Entroido de Lourenzá (22 de febreiro de 2026) + INFO
O tradicional desfile e concurso de Entroido de Lourenzá lévase a cabo o Domingo de Piñata. A festa, que desde os anos 90 recupera unha tradición que se remonta a principios do século XX, celebrarase o domingo 22 de febreiro co seu Gran Desfile de carrozas no que poderemos admirar as propostas de grupos, parellas e individuais que compiten por levar o mellor premio da súa categoría, amenizado coa música de charangas e comparsas que inundan de alegría toda a vila. O desfile comezará ás 16:30 h e rematará na Praza do Conde Santo, onde se entregarán os premios.
Todos os municipios ofrecen argumentos divertidos para gozar!
A Pontenova celebra o seu entroido o domingo 15 de febreiro coa festa infantil ás 17:00h no pavillón Tito Margaride. Alfoz proponnos un desfile o luns 16 de febreiro desde as 21:00 hs no Pavillón municipal con festa incluída; Cervo celebra a súa festa de entroido cun desfile o 15 de febreiro ás 18:00 horas. O 17 de febreiro terá lugar o desfile de Entroido de San Ciprián e o sábado 21 o Desfile de Entroido de San Román. Os veciños de Bravos (Ourol) celebrarán o Entroido o domingo 15 de febreiro cun xantar tradicional con cocido, amenizado por un dúo. O Vicedo arranca a súa festa desde o mediodía do 21 de febreiro cunha sesión vermú e pola tarde haberá festa infantil, merenda, verbena e desfile nocturno e Riotorto o sábado 7 de febreiro celebra a súa festa de entroido pola noche, no pavillón do colexio, tras un desfile que comezará ás 17:30h.
Os veciños de Trabada gozarán dunha animada xornada de Entroido o sábado 28 de febreiro. Ás 18:00 comezará o desfile con premios, seguido da verbena. Á medianoite entregaranse os premios e sortearanse cestas, con servizo de bar e comidas durante a festa.
Nesta época do ano, a gastronomía convértese nunha auténtica celebración, onde o porco é o gran protagonista. Logo da matanza en novembro e tras meses de curación, é o momento de degustar o lacón, o chourizo, a orella ou a cachucha, ingredientes que, xunto con patacas, garavanzos e rabizas ou nabizas, dan forma a un delicioso COCIDO. Para rematar, non poden faltar as tradicionais sobremesas: filloas, orellas, flores ou rosquillas, que enchen as mesas dun marabilloso abanico de sabores.
Con todas esas alternativas, toca elixir e gozar do entroido na Mariña Lucense onde, claro está, ninguén queda sen opcións para gozar da festa!
