Entroido na Mariña
A Mariña ofréceche propostas do máis interesantes para vivir esta época festiva de entroido.
O entroido é unha época das máis divertidas na Mariña Lucense. Aquí, como no resto de Galicia, gozamos das nosas propias tradicións con propostas que enchen de música e cor cada recuncho do noso destino. Grandes desfiles, concursos, pasarrúas, ceas e galas, obradoiros creativos, fogos de artificio, "mascaritas", xigantes e cabezudos, coplas…
Cada municipio ten propostas propias, algunhas máis novas e outras que levan décadas celebrándose. Os habitantes da Mariña, saen á rúa para gozar desta festividade e vestir os traxes máis orixinais e divertidos que se poida imaxinar.
Na Mariña Lucense case todos os concellos celebran o seu propio "Desfile de entroido", eventos que evidencian o meticuloso traballo que moitas comparsas acometen durante os meses previos á festa, para chegar a lucir uns traxes incribles e unhas elaboradas coreografías. Tamén celébrase en moitos puntos, a despedida do entroido con diferentes tradicións, como a “Queima do Entroido” ou o “Enterro da Sardiña”.
Nas programacións, que van desde o 8 ata o 25 febreiro, atoparás propostas específicas pensadas para os nenos e múltiples actividades. Ademais, barrios e asociacións organizan tamén celebracións ao redor destas datas, sumando motivos para a festa en cada recuncho da Mariña.
Entroido de Foz (Do 8 ao 16 de febreiro de 2024) + INFO
Festa de Interese Turístico de Galicia, este evento cita ineludible da Mariña. Unha das grandes festas de entroido pola súa afluencia, a súa extensa axenda e pola enorme implicación dos focenses que ano tras ano poñen empeño en superar as súas propostas. Un evento que cumple 42 anos de celebración e que se inicia coa tradicional Festa de Coroación da raíña do entroido.
O día 10, sábado de Entroido, ten lugar desde as 17 horas, o multitudinario "Desfile do Entroido” con saída desde a zona portuaria e remate no Campo da Cabana, nunha xornada amenizada pola música das charangas e que remata nun gran baile. O domingo 11 será a quenda dos máis pequenos cun Baile Infantil e o luns 12 celebrarase o “Baile do Farolillo”, un baile tradicional no que a metade da noite faise unha danza cun farol. Para rematar o Entroido de Foz, o venres 16 será “A Queima do Entroido”.
Entroido de Viveiro (Do 8 ao 14 de febreiro de 2024) + INFO
É un dos máis antigos de Galicia e tamén se celebra durante varios días cheos de cor e humor. Os actos comezan o 8 co “Xoves de Comadres”. Destaca o certame de “Alpuxarradas” que ten lugar o sábado 10 no Teatro Pastor Díaz e que convida a rir aos asistentes con letras cheas de ironía e humor; o domingo 11 e luns 12 está adicado aos nenos con obradoiros e festa, e o martes 13 -día central de actos deste entroido- celebrase o concurso de disfraces durante o Gran Desfile de grupos, comparsas e carrozas polo centro histórico de Viveiro, con inicio ás 17:30 horas desde a explanada da variante ata a Praza Maior. O mércores 14 a festa chega ao seu fin co tradicional “Enterro da Sardiña” que despide época festiva.
Entroido de Ribadeo (Do 3 ao 17 de febreiro de 2024) + INFO
Unha festa con historia e peso entre os seus habitantes, recuperada nos anos 80 por un grupo de veciños que apostaron por darlle pulo ao entroido ribadense, marcando unha axenda que inclúe o tradicional desfile o martes do entroido ou eventos tan divertidos como a “Comparsa do Cocho” ou a popular “Queima do Entroido”.
Este ano, o sábado 10 terá lugar o Antroido de rúa, unha divertida festa temática coa música como protagonista neste ano; o 111 é “Domingo lardeiro” no que sae, pola mañá, a famosa “Comparsa do Cocho” acompañada de charangas e gaitas e ás 14:00 hs haberá unha concentración de "mascaritas" con sorteos e animación musical. O 13, Martes de Entroido, terá lugar o Gran Desfile que percorre as rúas do centro histórico de Ribadeo. Para pechar este ciclo, o sábado 17 de febreiro pola noite é a saía da comitiva fúnebre que se reúne para celebrar a “Queima do Entroido” engalanada de fogos de artificio e unha monumental traca.
Entroido de Burela (9 ao 14 de febreiro de 2024) + INFO
Burela organiza diversas actividades que comezan o venres 9 cunha Festa Xuvenil de Entroido na praza da Mariña e que teñen o seu punto culminante no Gran Desfile de entroido que se celebra o domingo 11 con saída ás 17 hs desde a rúa do Rodil e final na Praza da Mariña. O programa inclúe diversas propostas para os nenos e pecha co tradicional "Enterro da Sardiña" o mércores 14 de febreiro.
Entroido de Xove (9 e 10 de febreiro de 2024) + INFO
Xove festexa o carnaval cun baile infantil o venres 9 para os máis pequenos, e a axenda continúa o sábado 10 co seu Gran desfile de entroido que sae fronte ao Campo municipal de fútbol e chega ao Centro Cívico. Para rematar, festa con música e premios.
Entroido no Valadouro (11 ao 16 de febreiro de 2024) + INFO
No municipio do Valadouro organízase o domingo 11 de febreiro o tradicional Desfile de Disfraces de entroido que percorre a vila desde ás 17h. A festa continúa cun “Entroido Infantil” o martes 13 e co “Enterro da Sardiña” o sábado16 ás 20:00 hs na Praza de Santa María, co que se despide a festa.
Carnaval en Barreiros (11 ao 16 de febreiro 2024).+ INFO
Barreiros tamén celebra o entroido cun Gran Desfile o venres 16 desde as 21 horas con saída desde a Praza do Concello e no que participan Xigantes e Cabezudos. O día remata a xonrada cunha festa con música e postos de comida. Tamén haberá programación para os nenos con festa infantil o domingo 11 pola tarde e actividades de entroido os luns 12 e mércores 14 pola mañá.
Entroido de Mondoñedo (17 de febreiro de 2023) + INFO
O sábado de Piñata, ten lugar o tradicional Desfile de entroido de Mondoñedo, no que carrozas e comparsas desfilan polas estreitas rúas do conxunto histórico para concluír na Praza da Catedral. A festa continúa con propostas musicais que amenizan a entrega de premios. Pola noite celébrase o tradicional baile do Círculo recreativo Casino de Mondoñedo que recupera o sabor dos antigos bailes de Carnaval tan famosos na comarca.
Entroido de Lourenzá (25 de febreiro de 2024) + INFO
Este ano, o tradicional desfile de Lourenzá do Domingo de Piñata, traslada a data por coincidir coas eleccións autonómicas. A festa, que desde os anos 90 recupera unha tradición que se remonta a principios do século XX, celebrarase o domingo 25 de febreiro co seu Gran Desfile de carrozas no que poderemos admirar as propostas de grupos, parellas e individuais que compiten por levar o mellor premio da súa categoría, amenizado coa música de charangas e comparsas que inundan de alegría toda a vila.
Todos os municipios ofrecen argumentos divertidos para gozar!
A Pontenova celebra o seu entroido cunha ruta de tapas o sábado 10 de febreiro e ao día seguinte, festa infantil no pavillón municipal desde as 17:00 hs; Alfoz proponnos un desfile o luns 12 de febreiro desde as 21:00 hs no Pavillón municipal con festa incluída; Cervo celebra a súa festa de entroido cun desfile o 11 de febreiro ás 18:00 hs; O Vicedo arranca a súa festa desde o mediodía do 17 de febreiro con Festa infantil, merenda, verbena e desfile nocturno e Riotorto o luns 12 celebra a súa festa de entroido pola noche, no pavillón do colexio. O barrio de Bravos (Ourol) organiza unha festa-degustación de produtos de poco típicos de entroido, o luns 12 desde as 22:00 hs.
Trabada pecha tradicionalmente este completo círculo dos entroidos mariñáns cun potente Desfile o 24 de febreiro que aglutina centos de participantes. Os actos comezarán ás 18:00 horas rematando cunha festa verbena. + INFO
A gastronomía deste tempo tamén é unha festa. Xira en torno aos atractivos do porco. Despois da matanza en novemebro e tras un par de meses de curación, chegan o lacón, o chourizo, a orella, a cacheira… que ben acompañados de patacas, garbanzos, rabizas / nabizas, aportan os argumentos básicos para preparar un bo COCIDO. De sobremesa: filloas (doces e salgadas), orellas, flores, rosquillas… Un mundo de sabores.
Con todas esas alternativas, toca elixir e gozar do entroido na Mariña Lucense
onde, claro está, ninguén queda sen opcións para gozar da festa!