Gastronomía

 

A gastronomía dunha comarca é un elemento que o diferencia con respecto a outras, pois as condicións ambientais e culturais foron tecendo co tempo unha gastronomía propia que se adapta aos recursos que a natureza lle brinda.

A diversidade do territorio da Mariña cunha extensa costa, altas montañas, profundos vales, numerosos ríos... e a íntima relación dos seus habitantes con este medio desde tempos inmemoriais quedou plasmada na rica gastronomía desta comarca que nos ofrece peixes, mariscos, carnes, verduras, hortalizas, froitos... dunha excelente calidade e todos eles “quilómetro 0”.

Esta rica gastronomía da Mariña aparece referenciada nos textos da obra literaria, entre o mundo real e o imaxinario, do recoñecido e prolífico escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro.

Nos pobos costeiros da Mariña podemos degustar a pescada do pincho de Celeiro, que ten o selo Galicia Calidade, o bonito do norte de Burela capturado de forma tradicional e a súa merluza do pincho, os famosos percebes de Rinlo, pero tamén as excelentes coquinas (chamadas “navallas” nesta zona), o ourizo de mar, o lumbrigante, a nécora ou o polbo, ademais de moitos outros peixes diferentes..., todos eles procedentes da pesca do día e por tanto cunha excelente calidade e frescura.

No interior, os produtos agrícolas e de horta... e os procedentes da gandaría toman o relevo: carnes de tenreira galega ou cachena ou de porco celta, as “fabas de Lourenzá”, fabas con Indicación de Orixe Protexida, os suaves grelos, as ricas castañas, o mel multifloral ou os delicados cogomelos... son algúns deses excelentes produtos co que se elaboran os pratos.

O favorable clima da Mariña e a tradición do seu cultivo desde o século XVIII, fixeron das “fabas  de Lourenzá” un produto de extraordinaria calidade que podemos degustar en varios establecementos da comarca e tamén a través da Ruta dá Faba, unha ruta guiada que nos leva a descubrir o cultivo e procesado da “faba de Lourenzá” e que inclúe a degustación gastronómica deste excelente legume.

Destaca esta comarca por sobremesas artesás de recoñecido prestixio, como a “torta de Mondoñedo” que tamén se elabora noutros municipios da Mariña. Trátase dunha deliciosa torta con orixe en receitas medievais e que se elabora con améndoas crúas, cabelo de anxo e froitas confeitadas como figos e cereixas.

Outra sobremesa artesá, típica de varios concellos da Mariña, son as “colinetas” unha especie de pequeno biscoito elaborado sen fariña, só con ovos, azucre e améndoas moídas e das que xa aparece recollida a súa receita en 1905 no libro “La cocina práctica” de Picadillo.

Bon proveito!

Consulta neste enlace o Receitario básico da cociña tradicional da Mariña, que xorde en 2025 no contexto do proxecto de Turismo Slow Norte de Galicia en colaboración co Colectivo de Gastronomía da Mariña. Unha publicación que recolle pratos populares, cociña de restaurante e receitas que forman parte do noso patrimonio culinario, conectando pasado e presente.

Tamén podes coñecer a iniciativa Cociñando A Mariña Lucense, un proxecto co que en 2020 puxemos en valor e axudamos a descubrir a riqueza gastronómica da Mariña Lucense.