Catedral de Mondoñedo
Foi declarada Monumento Nacional no 1902.
O actual edificio ten tres naves, con bóveda de cruceiría sobre arcos apuntados. A fachada componse de tres grandes oxivas que se corresponden coas tres naves. Posúe un rosetón do século XIII de 5 metros de diámetro con vidreiras policromadas. Está flanqueada por dúas impoñentes torres.
O templo é un exemplo da harmoniosa fusión de estilos - nomeadamente románico, gótico e barroco- que as distintas remodelacións ao longo do tempo foron deixando na construción e na decoración.
Esta basílica comezouse a construír no 1219 e concluiuse durante o século XIV. O bispo Don Martín foi quen rematou e consagrou a obra. Presenta unha planta de cruz latina, fusiona diversos estilos arquitectónicos e conta cun claustro interior que dá acceso ao Pazo Episcopal.
A catedral de Mondoñedo ergueuse sobre a antiga igrexa e mosteiro de Santa María preexistentes no lugar. Esta construción inicial faise grazas ás aportacións episcopais, populares e rexias (os monarcas de León Afonso IX e Fernando III). Será un edificio baixo, con nave central máis alta que as laterais e dúas torres redondas, unha a cada lado da fachada principal. A fisionomía orixinaria cambiará pouco a pouco ao longo dos séculos ata chegar ao que é hoxe.
O gran emblema exterior deste templo é o seu rosetón, obra que data do século XIII, e que permite que a luz natural ilumine o templo. Hoxe en día a parte interna está presidida por un Pantocrátor central.
A fachada conserva a porta románica primitiva - coa Última Cea nun dos seus capiteis- e foi remozada no século XVIII , cando se abriron as dúas ventás laterais coas figuras de San Lourenzo e San Xerome. O tímpano, liso, ten unha pintura ao fresco da Inmaculada. A parte central, tamén barroca, está coroada por San Rosendo e pola Asunción, advocación desta catedral.
Nunha das naves laterais do templo atópase o Museo Catedralicio de arte sacra, fundado en 1969, que é un dos máis importantes de Galicia.
O seu retablo maior actual é de dous corpos e de estilo rococó con columnas neoclásicas.
Na Idade Media construíuse un coro de pedra que foi substituído no século XVI por un de madeira de nogueira de estilo gótico. Dese século tamén datan a xirola e a sancristía. Tamén góticas son as pinturas da nave central baixo os órganos.
O claustro é do século XVII, de estilo clásico: de planta cadrada, rodeado de arcos de medio punto con columnas dóricas. No centro ten un cruceiro gótico, probablemente resto dun primitivo claustro.
Este monumento pode coñecerse a través da Visita Cultural que inclúe o acceso ao templo, sancristía, claustro, sala capitular e parte do museo diocesano, e ofrece unha audioguía para facilitar a visita. Existe ademais un percorrido exclusivo: "ALTIUS. Contemplando Mondoñedo desde a Paula" que, a través de visita con guía, entra nos salóns góticos do museo e sobe ata a terraza da fachada da catedral.