A Mariña Virtual

Foz (Lugo)
 
C. de interpretación

A Mariña Virtual, pretende achegar o coñecemento da zona dun xeito lúdico, divertido e sensorial a través dunha oficina de turismo virtual localizada no andar baixo do edificio do CENIMA, no que comparten espazo distintas tecnoloxías que facilitan un grande nivel de interacción.

Na Mariña Virtual concéntranse todos os tesouros da Mariña lucense na súa forma máis moderna e interactiva, un espazo no que todos os visitantes interactúan e poden descubrir os segredos e enclaves da comarca dende múltiples puntos de vista.

Coa axuda das TIC, neste centro integral de turismo os visitantes poden descubrir todo o potencial dun destino como A Mariña Lucense que con preto de 100 quilómetros de costa e na Serra do Xistral esconde non só marabillas naturais, senón que conserva a pegada do seu pasado nos seus enclaves de patrimonio cultural.

Neste novo centro integral de turismo, os asistentes poden coñecer de primeira man as posibilidades desta instalación que facilita a interacción con personaxes históricas, viaxando no tempo e na historia
a través de tecnoloxías como a realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersiva e tamén a través da realidade virtual.

Podemos ver paneis nos que consultar a programación cultural e as actividades de interese turístico da Mariña, un curioso mapa da Mariña que mediante a aplicación de realidade aumentada Layar permite acceder a contidos dende o noso smartphone. 

Un panel interactivo permítenos viaxar pola historia dende os principios do século XX até a actualidade (descubríndonos o legado fotográfico local).

Un casco de realidade virtual Oculus Rift permítenos visitar unha serie de localizacións (a Praia das Catedrais, o Castro de Fazouro, o Complexo Siderúrxico e Cerámico de Sargadelos e o Souto da Retorta) de grande atractivo de xeito inmersivo (mediante vídeo estereoscópico envolvente).

Un panel interactivo convídanos a mergullarnos no patrimonio da Mariña (o que tamén podemos facer a través da aplicación móbil Matterport VR se contamos casco de realidade virtual para o noso smartphone).

E outros paneis interactivos acércannos moita máis información de A Mariña Lucense, permitindo que o usuario sexa o que decida que tipo de información quere localizar na comarca dende o aire. 

 

Recomendámosche

Coñece a profunda vinculación de Foz co mar a través da audioguía ficcionada "Memorias poéticas de Foz". Un paseo de 45 minutos que percorre o bordo litoral de Foz no que se falará das pescantinas focegas, de como era o barrio da Ribeira e Tupide, da tradición conserveira ou do peculiar humor das súas xentes entre outras moitas curiosidades.

Travesía da Riveira, 4
27780 Foz - Lugo
982 132 426
Luns a sábado: 10:00 - 14:00 / 16:00 - 20:00
Domingo: 10:00 - 14:00
Servizos
Gratuito
Sinalizado
Aparcamento