Reserva da Biosfera Terras do Miño

 
Espazo natural

Esta Reserva da Biosfera está composta por 26 concellos (na Mariña Lucense,  Ourol, O Valadouro e Alfoz), abranguendo un territorio de 3600 Km2. trátase da máis grande de Galicia, caracterizada polo protagonismo da auga e o río Miño que acollen unha engaiolante riqueza biolóxica co 20% da flora ameazada de Galicia e con presenza de 700 plantas vasculares das que 250 son de ambientes acuáticos.

A Reserva da Biosfera ten como obxectivo fundamental a protección e mantemento do valioso e rico patrimonio natural, cultural, e histórico, conciliándoo e harmonizándoo co desenvolvemento económico e social.

Nesta Reserva pódense recoñecer catro grandes unidades paisaxísticas: a montaña, os vales fluviais, a Terra Chá, e o val fluvial do Miño. Declarada Reserva da Biosfera en 2002 é a segunda máis grande da península Ibérica e a máis grande de Galicia, ocupando o 39% da provincia de Lugo incluíndo a súa capital, cunha superficie de 363.668,9 ha, abranguendo 26 municipios da cunca alta do río Miño.

Gran parte da Reserva está incluída dentro da Rede Natura 2000 e está constituída, fundamentalmente, polas denominadas paisaxes da auga e formacións de turbeiras de cobertor.

O territorio esta ocupado con cultivos agrícolas ou forestais e actividades gandeiras. Unha importante proporción do solo está formado por espazos naturais como o ZEC Parga-Ladra-Támoga e o ZEC Serra do Xistral que conteñen lagoas, ríos e insuas, bosques de ribeira, turbeiras, matogueiras, zonas húmidas compatibles co pastoreo de baixa carga gandeira, coa singularidade de acoller moitos hábitats naturais e especies de interese para a conservación.

É destacable a presenza de 4 especies catalogadas como en "Perigo de Extinción" no Catálogo Español de especies Ameazadas: galiñola negra, mazarico real, escribenta das canaveiras e abetouro.

Dentro de Terras do Miño, no seu patrimonio natural,  existen numerosos vestixios patrimoniais de épocas pasadas, froito dunha presenza humana desde tempos moi antigos.

Así existen máis de 200 restos de monumentos funerarios correspondentes á Idade dos Metais, presenza de gravados rupestres e un gran número de castros catalogados.

Por outra banda, a biodiversidade cultural, tomando como eixe unificador os cursos de auga, descobre diversos elementos e usos asociados a eles como os caneiros, as artes de pesca, os muíños de cereais, ferrerías, pequenas embarcacións tradicionais...

A evolución conxunta entre home e natureza deu lugar tamén a unha selección de variedades de cultivos adaptados ás condicións particulares do territorio: variedades de trigo, centeo, árbores froiteiras, nabos, pementos; e de razas gandeiras como o cabalo galego de monte ou a galiña de Mos, entre outros.

Xornadas de promoción e desenrolo en Alfoz

A Reserva da Biosfera Terras do Miño contará cun pequeno Centro Interpretativo na Mariña Lucense, concretamente na Escola do Chao – O Pereiro no municipio de Alfoz. Os días 25 e 26 de setembro comeza a súa andadura cunhas xornadas de promoción e desenrolo:

As prazas son limitadas polo que é preciso inscrición previa nos teléfonos 982 256 193 / 618 709 473 ou no email info@sogos.es