Praia de San Román. Xeoturismo

 
Xeoturismo

Este areal atópase no extremo oriental do concello do Vicedo, na marxe esquerda da ría de Viveiro. En toda a súa extensión, mostra unha ampla variedade de materiais xeolóxicos. 

Ollo de sapo:

unha formación xeolóxica con nome galego recoñecido a nivel internacional

 

Na zona máis occidental -extremo esquerdo mirando cara ao mar- afloran xistos da formación “Ollo de Sapo”. Unha denominación galega tomada da linguaxe popular pero recoñecida a nivel internacional, e que fai referencia á curiosa textura que presenta. Os seus cristais de seixo azul din lembrar aos ollos dalgúns sapos. Estas rochas son o resultado dunha intensa transformación que afectou a materiais volcánicos fai 400 millóns de anos. Esta actividade volcánica desenvolveuse en zonas mariñas próximas á costa ao longo de 600 quilómetros, cando Galicia se atopaba na contorna do Polo Sur. Foi un vulcanismo moi explosivo e violento, debido a que o magma era moi viscoso e con grandes contidos en gases, púidose estimar que todo isto ocorreu hai uns 475 millóns de anos.

 

No sector máis oriental -parte dereita do areal mirando cara ao mar- atópase unha alternancia de capas de lousas -máis brandas- e cuarcitas -máis resistentes-, cun claro predominio destas últimas cara ao Leste, o que explicaría porque alí os cantís son moito máis altos.

Ambos os materiais orixináronse por un aumento na presión e temperatura sobre antigos sedimentos mariños. Despois veríanse afectados por unha importante deformación, en forma de dobras ou fallas, de acordo ao grao de plasticidade -flexibilidade- que tiñan os materiais nese momento. Todo iso debeuse a un colosal choque entre dous grandes continentes -Laurusia e Gondwana- hai uns 350 millóns de anos.

Uns poucos quilómetros cara ao Sur sitúase a antiga mina da Silvarosa (Viveiro) -non visitable-. Foi unha salientable mina de ferro, que ten a súa prolongación natural cara aos cantís da praia de San Román. Neles é posible observar zonas tinguidas pola oxidación de minerais de ferro -como a goethita- ou ben como pequenas acumulacións de areas máis negras -grans de magnetita-, que foron acumulados na praia ou nas súas dunas.

Recomendámosche

Outras propostas para a práctica do Xeoturismo na Mariña. Máis info aquí.