Praia de Chamadoiro. Xeoturismo
A praia de Chamadoiro atópase no extremo noroeste do concello do Vicedo, no límite coa provincia da Coruña. Destaca a presenza dun salientable filón de seixo que atravesa este esteiro cunha fermosa barra de area, que só é posible contemplar en baixamar.
Este esteiro está cortado en diagonal por un potente filón de seixo de máis de 10 quilómetros de lonxitude e uns 70 metros de anchura, é o material máis relevante deste lugar de interese xeolóxico. Así mesmo, separa rochas moi diferentes, ao Oeste aparecen lousas e cuarcitas, mentres que ao Leste afloran granitos e os gneises da formación “Ollo de Sapo”. Na praia de Chamadoiro pode observarse o filón de seixo, gneises e granitos.
O filón de seixo orixinouse a partir da circulación de augas a altas temperaturas -superiores aos 350ºC- moi ricas en sílice aproveitando unha salientable falla no terreo. Esa circulación de fluídos foi moi intensa e continuada no tempo, xa que en ocasións se poden ver filóns máis pequenos que cortan e/o fracturan aos iniciais, dando lugar a brechas.
Un dos filóns de seixo máis salientables do mundo, non só polas súas dimensións senón tamén pola pureza que ten.
Os gneises da formación “Ollo de Sapo” son o resultado dunha intensa transformación que afectou a uns materiais volcánicos fai 400 millóns de anos. Esta actividade volcánica foi moi explosiva e violenta, debido a que o magma era moi viscoso e con grandes contidos en gases, púidose estimar que todo isto ocorreu fai uns 475 millóns de anos.
En ocasións, os gneises “Ollo de Sapo” chegaron a fundirse, o que deu lugar aos granitos que aparecen xunto a eles. Isto acontece durante a formación da famosa Panxea, polo colosal choque entre dous supercontinentes -Laurusia e Gondwana- fai 350 millóns de anos.
Espectacular barra areosa
Dende o punto de vista xeomorfolóxico, o máis relevante é a presenza dunha espectacular barra areosa na desembocadura do río Sor. Que non deixa de ser o resultado do continuo transporte de sedimentos dende o seu nacemento ata a súa chegada ao mar.
En esteiros como o do Sor prodúcese un movemento de inmensas masas de auga -tanto salgada como salobre- en cada ciclo mareal, o que xera poderosas correntes que deixan unhas estruturas características na area, é o caso dos magníficos exemplos de megaripples -similares a dunas baixo a auga-.
Outras propostas para a práctica do Xeoturismo na Mariña. Máis info aquí.