O Cadramón. Xeoturismo

 
Xeoturismo

O pico do Cadramón localízase no extremo meridional do concello do Valadouro. Dende este punto do interior da Mariña Lucense pódense observar os efectos do derradeiro período glaciar na paisaxe que o rodea.

Este lugar de interese encádrase na serra do Xistral, un sistema montañoso que supera en varios puntos os 1000 metros de altitude, está formado integramente de cuarcitas, unhas rochas metamórficas moi duras e resistentes á erosión. A súa orixe estaría en antigos sedimentos areosos acumulados en zonas mariñas próximas a unha costa do hemisferio sur fai 520 millóns de anos. Estes sedimentos unha vez compactados serían sometidos a un incremento na presión e temperatura, o que os transformaría nas rochas que son a día de hoxe. Estes cambios debéronse ao colosal choque entre dous supercontinentes -Laurusia e Gondwana- hai aproximadamente 350 millóns de anos. A presenza de pequenas dobras fai aínda máis visible o comportamento plástico -flexible- que afectou a estas rochas durante ese salientable acontecemento xeolóxico.

Pero sen dúbida o máis relevante deste lugar son os vestixios da última glaciación, que deixou a súa pegada nestas montañas.

O derradeiro gran período frío do noso planeta coñéceselle como a última glaciación, iniciouse hai uns 50.000 anos e tivo unha maior repercusión no clima do hemisferio norte. As consecuencias dese evento tan frío quedaron patentes nas zonas máis altas da serra do Xistral, a pesar de que a actual erosión fluvial borrou parcial ou totalmente algunhas das formas ou depósitos da derradeira glaciación. En diferentes puntos da serra do Xistral atopáronse elementos típicos da paisaxe glaciar como cristas morrénicas -acumulacións de materiais erosionados e transportados polos glaciares-, bloques erráticos -elementos rochosos de grandes dimensións arrastrados polo glaciar- ou depósitos de till -sedimento típico da erosión glaciar-.

Con todo, o máis visible dende o cumio do Cadramón é a pegada que deixou o periglaciarismo, e é que nas etapas finais da derradeira glaciación desenvolveuse un salientable episodio deste proceso, é dicir, ciclos de conxelación e desconxelación da auga, o que provocou unha intensa fracturación das rochas que había nestas montañas. Este evento vémolo en forma de canchais, que son grandes acumulacións de rochas nas ladeiras das montañas, con morfoloxías en xeral alongadas, por efecto da gravidade.

O carácter montañoso, frío e chuvioso desta zona da Mariña facilitou a formación de salientables depósitos de turba, pola acumulación de grandes cantidades de materia orgánica. A turba representa o primeiro paso na xeración de carbóns. As turbeiras do Xistral están consideradas como as máis meridionais de Europa.

 

Recomendámosche

Outras propostas para a práctica do Xeoturismo na Mariña. Máis info aquí.