Saborea os produtos frescos e de gran calidade da Mariña Lucense

 

Que hai mellor que comer? Só hai unha resposta posible: o bo comer. E é algo do que pode presumir sen dúbida A Mariña Lucense.

A tradición agraria, gandeira e pesqueira deu forma á historia eminentemente rural da Mariña durante séculos e aínda na actualidade. As augas do Cantábrico e o amplo territorio dedicado á agricultura e á gandería fan que a gastronomía da costa norte lucense sexa tanto variada como deliciosa.

Produtos frescos, de proximidade e recoñecidos pola súa gran calidade enchen a zona de sabor. Non vos estrañará, pois, que A Mariña estea tamén repletísima de festas gastronómicas de interese turístico das que poderás gozar nas diferentes localidades do norte de Lugo.

Do mar ao padal

A pesca na Mariña é tradición centenaria. Tanto de río como de mar, os produtos desta zona están para chupar os dedos.

Se hai algo que non podes deixar de probar é o bonito do norte en Burela, o porto  boniteiro máis importante do país. A festa que aquí homenaxea a este manxar é de Interese Turístico Nacional. Achégate á lonxa e leva os produtos máis frescos a casa.

A pescada do pincho de Celeiro (Viveiro) ou a troita da Pontenova tamén son manxares recoñecidos polo seu sabor e que por iso tamén teñen a súa propia festa gastronómica.

Famosos son tamén os percebes de Celeiro e de Rinlo (Ribadeo), aínda que se o que realmente queres é vivir unha experiencia diferente, San Cibrao (Cervo) é a capital do ourizo de mar. Cocidos, en croquetas, en empanada…ninguén pode conter a curiosidade por probar este prato típico da Mariña.

Lumbrigante, coquina, polbo, anguía, mexillóns ou salmón tamén abundan nos pratos do destino. Que vas pedir?

Para os máis carnívoros

En cambio, se es daqueles a quen se lles fai a boca auga cunha boa carne, diríxete a Alfoz. O lacón, produto protexido, ou o cabrito asado, son manxares típicos do lugar. A verdade é que deixar o norte de Galicia sen probar o famosísimo lacón con  grelos sería pecado.

E, por suposto, do mesmo xeito que sucede noutras zonas de Galicia, na Mariña tamén atoparás carne de vacún baixo a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Non deixes de degustar a calidade do gando de Galicia en todas as súas formas.  Riquísimo!

Da horta

Con todo, o produto estrela da Mariña Lucense é a faba de Lourenzá. Estas fabas, con denominación de orixe, son obtidas a través de técnicas tradicionais en terreos que reúnen unhas condicións determinadas. Poderás atopar tanto unha festa que enxalza esta delicia como un Centro de Interpretación para coñecer o seu cultivo e propiedades.

Os grelos, as patacas ou os pementos de Mougán son tamén produtos da zona que posúen Indicación Xeográfica Protexida en Galicia. Virás probalos?

Para adquirir estes produtos de primeira calidade, recomendámosche achegarte a calquera dos mercados de abastos ou as feiras da Mariña.

Sobremesas

Para rematar unha boa comida cun toque doce podemos degustar as sobremesas tradicionais da Mariña Lucense.

A suculenta torta de Mondoñedo é un imprescindible. Pero tampouco desmerecen a de Viveiro, feita con améndoa e cabelo de anxo, ou os doces conventuais das clarisas de Ribadeo.

Así mesmo, non podemos esquecernos do mel do Valadouro, coa Indicación Xeográfica Protexida  Mel de Galicia.

Marisco, peixe, todo tipo de produtos de horta, e carne de porco, cabra ou tenreira farán, pois, que queiras poñerlle sabor á túa visita á Mariña Lucense coa gastronomía local, baseada na utilización de produtos frescos de inigualable calidade.