Calidade en destino. SICTED na Mariña Lucense
No ano 2023, a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense iniciou o proceso de adhesión ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e a súa implantación no territorio, cumprindo un obxectivo asumido no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola propia Mancomunidade coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. En 2026 A Mariña conta con 39 empresas e servizos turísticos distinguidos que traballan pola mellora continua do destino.
A Mancomunidade iniciou o proceso de implantación do SICTED co obxecto de sumar os esforzos de diferentes axentes e empresas vinculadas ao sector turístico para mellorar a calidade en destino, achegando metodoloxías específicas para as empresas e para o traballo colaborativo público-privado. O Sistema depende da Secretaría de Estado de Turismo e xorde nos anos 2000 para achegar unha solución eficiente para a xestión da calidade en destinos turísticos, onde o turista debería percibir un nivel de atención equilibrado por parte dos diferentes profesionais cos que se relaciona na súa estancia.
Con esta iniciativa a Mancomunidade aspira a introducir ferramentas de xestión útiles aos negocios en pos da mellora da calidade dos seus servizos; impulsar accións integradas a longo prazo para reforzar os negocios; mellorar a coordinación e o traballo en equipo para axuntar esforzos na conciencia global de destino; sensibilizar sobre a importancia da mellora continua; analizar a percepción da calidade de usuarios e visitantes; achegar valor aos esforzos das empresas, e introducir a variable ambiental e social na xestión das empresas. Destacar que neste proceso de avaliación continua, os axentes adheridos participan de forma gratuíta.
2025. Renovación do primeiro ciclo
Durante o 2025, renovaron a súa distinción no SICTED da Mariña un total de 26 empresas do sector de aloxamentos, restaurantes, museos, oficinas de turismo e guías de turismo. Estes profesionais, xunto con 13 empresas e servizos de aloxamento, restauranción, guías de turismo, artesanía, museos e turismo activo acreditadas o ano pasado, conforman unha rede activa de 39 axentes que traballan pola calidade turística na Mariña, aos que contamos con poder chegar a 20 novos servizos e empresas neste 2026.
O 18 de novembro tivo lugar a terceira MESA DE CALIDADE á que asistiron 12 representantes do sector público e privado, na que se aprobaron as empresas e servizos que se presentaron a distinción e renovación ante o Comité de Distinción SICTED da Secretaría de Estado de Turismo en 2025. Un encontro no que ademáis de facer un repaso ao traballo abordado durante 2025 e os pasos que se van a dar durante 2026 pendentes de cambios relevantes no modelo SICTED, debatíronse temas de actualidade que preocupan ao sector.
O Comité de Distinción SICTED reunido o 01/12/2025, aprobou os 26 servizos presentados para renovar a súa distinción por parte do destino A Mariña.
Desta forma en 2025, A Mariña Lucense conta con 39 empresas e servizos disinguidos.
- RESTAURANTES: El Oviedo, Hotel Restaurante Javier Montero, Taberna Galicia, Augas Santas Cervexería artesanal
- ALOJAMIENTOS: Hotel Albergue Montero, Luzada Glamping Burbujas, Finca Goleta, Hotel Mi Norte, Hotel-apartamento Complexo Alameda, Lumen Place Albergue, Lumen Place Apartamentos, Casa do Mudo, Casona de Labrada, Hotel Restaurante Javier Montero, A Lume Manso, Cabanas da Barcela, Hotel U Viveiro, Hotel Ego, Hostel Áncora Foz, Malates Slow Hotel Boutique Foz, Finca O Bizarro, Hotel Rías Altas, Hotel O Cabazo, Casal de Pelaio.
- GUÍAS: Sra.María Servizos Turísticos-Noela Feal, La Guiateca-Carmen Delia, Rutas Galicia Norte-Boris Vilar, Guía tu día-Ana Pena.
- OFICINAS DE TURISMO: O Vicedo, Ribadeo, A Pontenova, Viveiro, Burela, Lourenzá
- TURISMO ACTIVO: Bicips.com
- MUSEOS: Catedral de Mondoñedo; Barco Museo Bonitero Reina del Carmen, Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá.
- ARTESANÍA: Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo.
2024. Segundo ano implementando o SICTED
En 2024, as 26 empresas distinguidas pasan a un segundo ciclo no que deberán seguir traballando pola calidade pero cunha dedicación ao sistema menor, e deuse inicio a un novo ciclo 1 para as empresas e servizos que solicitaron a súa adhesión vinculadas aos oficios de artesanía, taxis turísticos e aluguer de vehículos e máis empresas dos sectores máis tradicionais e xa participantes o ano anterior como son aloxamentos, restauración, oficinas de turismo, guías, museos ou turismo activo, dando como resultado a participación de 16 novos servizos.
As novas empresas iniciaron o seu proceso formativo o 20 de marzo e continuarán, ao igual que as empresas do Ciclo 2, coa súa formación continua ademais das asistencias individualizadas para avaliarse a final de ano.
También este ano organizouse a xornada sobre "Asociacionismo e gobernanza en turismo" el 5 de xuño no salón de Actos do CENIMA, no contexto do Grupo de Mellora xurdido na Mesa de Calidade celebrada en novembro do ano anterior. Deste xeito, avánzase na análise de formas de participación entre sector público e privado, coñecendo experiencias de xestión tan relevantes como: Costa da Morte (CMAT), Ribeira Sacra (Consorcio de turismo) e destino Xixón (SICTED).
O 20 de novembro tivo lugar a segunda MESA DE CALIDADE conformada por 13 representantes do sector público e privado, na que se aprobaron as empresas e servizos que se presentarán para a distininción e para a renovación ante o Comité de Distinción SICTED da Secretaría de Estado de Turismo. Un encontro no que ademais da incorporación dun represntante do grupo de guías de turismo, se explicaron as funcións da FCAM no contexto do Grupo de Mellora SICTED de asociacionismo e gobernanza e se debatiron temas de actualidade.
2023. Posta en marcha
Iníciase unha primeira fase na que se aborda a inclusión de servizos e oficios tradicionalmente turísticos relacionados con: aloxamentos, restauración, turismo activo, museos, oficinas de turismo e guías. A metodoloxía propoñer neste primeiro ciclo realizar tres seminarios de formación, dous encontros colectivos (Asistencias Técnicas Colectivas) e dúas visitas individualizadas (Asistencias Técnicas Individualizadas), coa convalidación case directa para aquelas empresas que contan coa Q de Calidade.
O 28 de marzo de 2023 tivo lugar a reunión de presentación e información en Foz tras a cal solicitaron a adhesión ao programa 30 negocios con 32 servizos turísticos vinculados aos seis oficios cos que se pretendía iniciar este programa (aloxamento, restauración, oficinas de turismo, guías, turismo activo e museos).
O 10 de maio comezaron a impartirse os seminarios de formación que tiveron continuidade o 31 de maio, mentres paralelamente abordábanse as primeiras Asistencias Técnicas Individualizadas que implicaron a visita, dun consultor do programa, ás empresas participantes.
O 27 de setembro deste mesmo ano tivo lugar, no Complexo histórico de Sargadelos, o terceiro seminario de formación e o taller colectivo que incluíu a visita ao proceso produtivo da Fábrica de Sargadelos e un café-petisco servido por marmeladas A Morena. E entre outubro e novembro realizáronse as segundas Asistencias Técnicas Individualizadas para acabar o ciclo coa avaliación de cada negocio.
O 6 de novembro quedou consituída a Mesa de calidade SICTED na Mariña Lucense, na que se aproba presentar a 29 empresas e servizos ante o Comité de distinción da Secretaría de Estado de Turismo. A Mesa de Calidade nace aspirando ser unha canle de comunicación e coordinación coas empresas e axentes do sector turístico, un espazo de encontro e colaboración público-privado para traballar pola mellora integral do destino e a satisfacción dos visitantes.
Si queres saber máis ou participar do SICTED na Mariña Lucense, podes contactar co teléfono 654 089 894 (de 9:00 a 14:00 horas) ou no correo turismo@amarinalucense.gal.
Solicitude directa: https://www.calidadendestino.es/Contenidos/AdhesionSistema.aspx
Este proceso é asumido como unha interesante oportunidade para poñer en marcha un punto de encontro do sector turístico dá Mariña Lucense e para favorecer a calidade en destino.
