Festivais na Mariña
Música en vivo, cultura e moita diversión para vivir este verán!
Descubre os vibrantes eventos e festivais que che esperan na Mariña. Prepárate para unha experiencia única e mergúllate na enerxía e a maxia da música en directo.
Na Mariña Lucense celébranse eventos musicais que nos ofrecen desde xéneros populares e artistas locais a bandas internacionais e sons moi diferentes. A nosa axenda promete satisfacer aos gustos máis eclécticos.
Resurrection Fest en Viveiro (Do 1 ao 4 de xullo de 2026). + INFO
É un dos festivais de música máis importantes do país e converteuse nunha referencia dentro do xénero do rock e o metal. Ofrece unha ampla variedade de xéneros e bandas internacionais, co obxectivo de reunir a amantes destes estilos musicais. É un evento que vai máis aló da música, creando un ambiente festivo e acolledor onde os asistentes poden gozar dunha experiencia completa e conectar con outros fanáticos da música alternativa.
VIX Ether - An Electronic Odyssey (17 e 18 de xullo de 2026) + INFO
Este festival de música Tecno, House e Disco, reune en Viveiro a un destacado grupo de artistas do panorama nacional e internacional.
Festival Aturuxo en Ourol (18 de xullo de 2026) + INFO
Na parroquia de Bravos de Ourol, ten lugar este festival de música folk que conta nesta edición con propostas como Tumba, Dalle e Pandeireteiros do Inferno, A Banda da Balbina, Vimbio e a cantante Sabela.
Vendaval Fest en Ribadeo (24 e 25 de xullo de 2026) + INFO
No 2026 será a súa cuarta edición, na que nos traerán grupos nacionais e algúns locais para gozar do rock. Este ano contará con artistas como The Real McKenzies, Benito Kamelas o Dakidarría.
Bal y Gay (Do 5 ao 21 agosto en 2026) + INFO
O Festival Bal y Gay presentou a programación da súa 13ª edición, que se celebrará do 5 ao 21 de agosto con concertos en diversos municipios da Mariña. Participarán artistas destacados como Moises Sánchez, Antoine Tamestit, Grigori Sokolov e Iria Folgado, ademais de orquestras como a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias.
Desde o seu inicio no 2014 como un curso de clarinete na pequena parroquia de Nois, o festival medrou ata converterse nunha cita clave do verán musical español, con máis de 100 concertos, 400 artistas e máis de 20.000 espectadores. Impulsado pola Fundación Xesús Bal y Gay, a súa misión é democratizar a música clásica e descentralizar a cultura, enriquecendo tanto á poboación local como ao turismo en Galicia.
Osa do Mar en Burela (4, 5 e 6 de setembro de 2026) + INFO
Este festival presenta unha variada programación de artistas e bandas de diversos xéneros, desde propostas alternativas ata sons electrónicos vangardistas. Os asistentes poden gozar de actuacións en vivo, DJs e descubrir novos talentos nun ambiente vibrante. Entre os artistas que atoparmos no seu cartel, podemos destacar sempre artistas emerxentes e moitos deles galegos.
E xa entrado o outono, as propostas continúan con,
Breason en Mondoñedo (agardando información 2026) + INFO
Neste festival poderás gozar das rúas de Mondoñedo cheas de música, cultura e diversión. Trátase dunha cita gratuita que na edición 2025 contou con grupos como: Biznaga, Grande Amore, 9 Louro, Malvela, Señora DJ, Femfarria, María Raxeta e Meniños da Mariña. Ademais e de forma paralela ao cartel musical, acollerá, como é tradicional, un gran magosto, unha foliada, realizaranse rutas pola zona, obradoiros e mesmo un scape room.
A variedade e tal que non sabemos que elixir!! Imos facer oco na nosa axenda para non perdernos nada!!
Acompáñasnos?
*FOTOS: Osa do mar (Xavi Iglesias) - Bal y Gay (Xaora Fotógrafos) - Resurrection Fest
