Curso de verán 2026 UDC: Emprender no sector turístico na Mariña Lucense

 

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e a Universidade da Coruña (UDC) organizan para o vindeiro mes de xullo un curso de verán baixo o título Emprender no sector turístico na Mariña Lucense, que se desenvolverá do 6 ao 9 de xullo en horario de 16 a 21h na antiga escola de San Cosme de Barreiros. Esta acción formativa, dirixida tanto ao alumnado universitario, como ao público en xeral e profesional, ten como obxectivo achegar coñecemento, habilidades e competencias profesionais interesantes de cara ao emprendemento.

Así, a través de obradoiros e diferentes dinámicas con profesionais do sector, traballarase en temas tan interesantes como a análise de competencia, o modelo de negocio, o descubrimento de clientes, a avaliación financeira, a estratexia e o posicionamento competitivo, o lanzamento de produtos, a dixitalización e o comercio electrónico ou a fiscalidade do emprendemento.

A dirección do curso asúmea Antonio García Lorenzo, profesor da Facultade de Economía e Empresa da UDC, natural do Valadouro; e a secretaría Tania Hermida Varela, axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade de Concellos.

O prezo do curso é de 50€ para o público xeral, tamén o profesional, habendo un prezo reducido de 30€ para a comunidade da UDC, alumnado universitario, persoas desempregadas e pensionistas. Asemade, resérvanse prazas gratis para o alumnado bolseiro dos Cursos de Verán 2026 da UDC, estando aberto o prazo para a solicitude destas bolsas ata o día 15 de xuño de 2026.

A asistencia a este curso de Emprender no sector turístico na Mariña Lucense será recoñecida como créditos nos estudos de grao, que se convalidarán segundo o plan de estudios de cada titulación.

As prazas son limitadas (50), polo que as persoas interesadas en asistir deben formalizar a matrícula clicando na seguinte imaxe: