Balance 2024

 

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense fai un balance moi positivo do traballo desenvolvido ao longo deste ano 2024 e pon a mira no 2025 coma un ano no que se comezarán a visibilizar tamén os resultados dos proxectos de maior investimento dentro do Plan de Sostibilidade Turística.

O ano 2024 foi un ano de traballo moi intenso no que a meirande parte das accións previstas no Plan de Sostibilidade Turística na Mariña foron postas en marcha. Un plan que se comezaba a executar en 2022 cunhas liñas xerais de intervención e que se foi definindo en actuacións moi concretas -despois dun meticuloso traballo de colaboración e coordinación cos axentes públicos e privados locais- co obxectivo de que o investimento no territorio sexa o máis eficiente posible e favoreza un crecemento turístico sostible capaz de aportar valor e xerar novas oportunidades de traballo na Mariña. 

Imaxe de marca turística e de territorio

O ano comezaba cos dezaseis concellos da Mancomunidade unidos presentando a nova marca turística e de territorio “A Mariña. Galicia de Corazón” nun acto ao que acudiron centos de persoas. Unha marca sólida e actual con capacidade para competir con outros destinos de España e que foi presentada en FITUR 2024 xunto á campaña “A Mariña. Toma o teu tempo”. Sobre esta campaña realizáronse dúas ondas de inversión en medios on line e offline en primavera e outono para atraer a novos segmentos de mercado e favorecer a  desestacionalización do destino.

 Produtos desestacionalizadores da actividade turística

Co obxectivo de sumar argumentos de visita aos viaxeiros fóra de tempada e difundir a riqueza do patrimonio natural do territorio entre a poboación local, desde finais de decembro de 2023 e ata setembro deste mesmo ano, desenvolveuse un programa de xeoturismo que ofreceu actividades xeoturísticas para o público en xeral e de formacións para guías, empresas e técnicos, capitalizando os incríbles recursos xeolóxicos da Mariña.

En xuño presentábanse ante un nutrido grupo de persoas as novas Audioguías Ficcionadas para Xove e Burela que se incorporan ás xa existentes, sendo hoxe nove as audioguías que aportan unha mirada única sobre o noso patrimonio. Tamén a inicios do verán presentábase o Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña que define a folla de ruta para o desenvolvemento do turismo gastronómico na comarca e que deu impulso á creación do novo Colectivo de Gastronomía da Mariña que  aglutina a axentes de toda a cadea de valor da gastronomía local.  

De cara setembro, outubro e novembro a Mancomunidade retomou as actividades de xeoturismo con novidades moi especiais como a saída en barco ao Fuciño do Porco guiada por un xeólogo, e foron presentados o programa “A Mariña. Plans con Corazón.16 rutas e visitas guiadas por 16 concellos da Mariña” e a experiencia piloto “A Mariña. Obradoiros con corazón”, propostas ambas que encheron as fins de semana e festivos de outubro e novembro dunha oferta única e diferencial nestes meses de menor actividade turística.

 Creando sinerxias e coñecemento cara un turismo sostible

En marzo facíase oficial o acordo de colaboración entre as Mancomunidades da Mariña e Ferrolterra con Galicia Destino Sostible (Clúster Turismo de Galicia) para integrar neste club de produto aos aloxamentos da Rede Turismo Slow Norte de Galicia e, durante todo o ano, participouse no proxecto nacional do Corredor de Ecoturismo da España Verde que favorece o acceso de oferta turística da Mariña vinculada á Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón á conformación de produtos sostibles de promoción internacional.

En xuño a Mancomunidade mantiña reunións coas principais administracións públicas afectadas por proxectos de sinalización do PST e comezaba outubro participando en actividades tan interesantes como os parladoiros do GALP onde se presentaba o Colectivo de Gastronomía da Mariña ou o foro de análise da FCAM sobre as vivendas de uso turístico e mais adiante no VII Congreso Nacional de Ecoturismo que tivo lugar no xeoparque do País Vasco entre os concellos de Zumaia, Deba e Mutriku onde se trataron casos prácticos de interese de estudos de capacidade de carga, entre outros.

No mes de xullo comezábase a traballar na instalación dos contadores de persoas para os Estudos de Capacidade de Carga en 11 lugares de especial fraxilidade, un proxecto que busca contribuir da man dos concellos á correcta xestión do turismo no territorio con propostas e medidas a aplicar nun medio prazo.

Ao longo do ano mantivéronse numerosas reunións de traballo cos concellos e mais concretamente co personal das oficinas de turismo municipais para, entre outras cousas, poñer en marcha o programa Infotourist e facilitar así a recollida de información estatística homoxénea e conxunta. Con motivo da Semana Santa facíase entrega de tablets para facilitar o seu uso, ou revisar e validar as propostas de actuacións para a homoxeneización da imaxe nas oficinas de turismo.

 Turismo de calidade e colaboración público - privada

En abril, comezábase un novo ciclo do Sistema Integral de Calidade Turística na Mariña dando acceso a 16 novos servizos á formación e avaliación correspondentes e permitindo que hoxe a Mariña conte con 42 empresas e servizos distinguidos co Compromiso de Calidade Turística SICTED, dando recoñecemento ao seu traballo pola mellora conxunta do destino.

No contexto do SICTED tamén foi organizada en xuño a Xornada Asociacionismo e Gobernanza turística con destinos pioneiros no ámbito da xestión turística e no mes de novembro tivo lugar a xuntanza da Mesa de Calidade, espazo de encontro e reflexión de representantes dos sectores público e privado desde o que se propuxeron a distinción 14 novos servizos.

E acabou de cociñarse AMODO xunto ao Colectivo de Gastronomía da Mariña, que congregou entre o 1 e o 3 de decembro na Mariña a un destacado grupo de xornalistas e especialistas do mundo da gastronomía para compartir unha xornada aberta de conferencias e coñecer de primera man os recursos e activos gastronómicos do noso territorio. Neste contexto tamén foi entregado o I Premio Merlín a Lucía Freitas como recoñecemento ao seu inspirador proxecto Amas da Terra.  

Preparando o 2025

Agora en decembro desde a Mancomunidade atopánse pechando o ano preparando a participación en FITUR, a colaboración co portal de ocio de referencia Festigaleiros para a promoción da extensa axenda de festas e eventos da Mariña, unha formación en ornitoloxía no mes de febreiro, un encontro de observación de natureza en torno á xeoloxía, ornitoloxía e botánica do territorio con interesantes colaboracións e proxección nacional ou o convenio coa universidade para a creación do Observatorio de Turismo Sostible da Mariña.

Desde a Mancomunidade, ao igual que acontece no resto de administracións coma no caso dos concellos, ao tempo que se van desenvolvendo actuacións con certa visibilidade para o territorio, durante 2024 tamén se continou a traballar en torno a proxectos menos visibles polo de agora e que teñen que ver co deseño e redacción de proxectos como o Centro de Interpretación e Ruta Pardo de Cela, o Camiño do Mar, a Rede de Rutas de sendeirismo da Mariña, o Centro BTT ou outros que van representar unha auténtica oportunidade para o desenvolvemento sostible do turismo na Mariña. En fase de peche, desde o ente supramunicipal afirman que durante este novo ano será palpable no territorio a execución destes motivantes proxectos.

Agradecen a implicación e colaboración amosada durante estes meses polos concellos e polo sector privado da Mariña e agardan que este espíritu de traballo colaborativo e unión de forzas se manteña no tempo, ao igual que se manteña e incremente o compromiso do resto de administracións e entidades xa que, como acontece con outros destinos,  o seu apoio será clave para consolidar o modelo de turismo sostible ao que aspira o territorio.

Se queres saber máis sobre os proxectos do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, fai click aquí: PST na Mariña