AMODO. Conversas arredor da gastronomía na Mariña
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organiza, entre os días 1 e 3 de decembro, AMODO: Conversas arredor da gastronomía na Mariña, un evento que reunirá a destacados profesionais e medios de comunicación especializados. Amodo nace do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña. Estas xornadas buscan abrir un espazo de encontro e reflexión sobre realidade gastronómica do destino e consolidar a gastronomía como un eixo central da súa marca-territorio.
Un programa diverso e con xornadas abertas ao público
O luns 2 de decembro será o día principal, con conferencias abertas ao público, que terán lugar no Auditorio da Fábrica de Sargadelos, en Cervo.
Entre as 9:00 ata as 17:30 horas, desenvolveranse conferencias e unha mesa redonda que abordarán temas como:
- Sesión I de Conferencias: A influencia da gastronomía na imaxe dos destinos turísticos.
- Mesa redonda: A gastronomía desde unha perspectiva cultural.
- Sesión II de Conferencias: Presentación de proxectos gastronómicos afíns.
Nestas sesións participan persoas destacadas no ámbito gastronómico e turístico como David Mora, Pep Palau, Lucía Freitas (1 estrela Michelin), María Solivellas (1 estrela verde Michelin),Yanet Acosta, Claudia Polo, Rosa Molinero, Lluis Nel ou Pepe Ferrer.
A actividade continúa para os relatores e periodistas convidados con visitas e a entrega do I Premio Merlín na Casa Museo de Álvaro Cunquero, que recoñecerá a un proxecto gastronómico destacado.
Press-trip para a promoción do territorio
Durante os tres días de duración do evento, organizarase un press-trip no que profesionais da gastronomía e periodistas especializados, galegos e estatais, coñecerán de primeira man os atractivos da Mariña Lucense e a diversidade de produtos e proxectos que conforman o seu ecosistema gastronómico.
Amodo contará con representantes de medios como: El País, La Vanguardia, ABC, El Periódico, Eldiario.es, Canal Sur Radio, Hule y Mantel o 7 Caníbales.
PROGRAMA
A entrada ao evento do día 2 no Auditorio de Sargadelos será libre e sen necesidade de inscrición previa, ata completar aforo.
Non perdas a oportunidade de ser parte deste encontro único!