A Mariña presenta a súa oferta turística en Bilbao (22-10-2025)
A Mariña Lucense continúa ampliando horizontes e dando a coñecer todo o que este destino ten que ofrecer. O vindeiro 22 de outubro, a sala SILO de Bilbao acollerá a presentación da marca turística A Mariña Galicia de Corazón, nun encontro dirixido a profesionais do sector turístico, o mundo da gastronomía e a comunicación do Pais Vasco. Un paso máis na estratexia de activación de marca e de promoción do destino que busca fortalecer os vínculos con outros territorios e situar A Mariña como un destino de referencia a nivel nacional.
Bilbao representa un dos mercados estratéxicos para A Mariña tanto por proximidade xeográfica, como porque ambos territorios compartimos vínculos culturais, históricos e paisaxísticos. Vínculos como o clima, a paisaxe, o mar Cantábrico, a historia as tradicións ou o feito de contar con linguas propias.
Este acto contará coa presenza da presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López, e da concelleira de Turismo de Bilbao, Kontxi Claver, quen protagonizarán un simbólico intercambio de agasallos tradicionais. Un xesto de irmandade que reflicte a vontade de crear pontes e colaboracións duradeiras entre ambas rexións.
Durante a presentación participarán tamén Ana Ermida, vicepresidenta da Mancomunidade e Tita Iglesias, presidenta do Colectivo de gastronomía da Mariña e serán proxectados os audiovisuais A Mariña, Toma o teu tempo e A Mariña, Latexa contigo, dúas pezas que poñen en valor o patrimonio natural, cultural e humano deste territorio. Os máis de 50 asistentes confirmados —axentes turísticos, axencias de viaxes e touroperadores— terán así a oportunidade de coñecer de preto unha oferta que combina mar, montaña, gastronomía e autenticidade. Valores propios dun destino que traballa para ofrecer servizos de calidade na busca dun turismo responsable e sostible.
A cita incluirá tamén unha degustación gastronómica a cargo do Colectivo de Gastronomía da Mariña, que levará ata Bilbao os sabores máis representativos da comarca. Produtos locais e receitas tradicionais elaboradas por recoñecidos cociñeiros e cociñeiras que mostrarán por que A Mariña sabe tan ben como soa. E tamén un sorteo de 4 bonos de viaxe con servizos ofrecidos por empresas distinguidas integrantes do SICTED A MARIÑA.
Os asistentes recibirán unha bolsa corporativa con material turístico promocional e informativo da Mariña co obxectivo de facilitarlles a organización de viaxes ao territorio de forma integral e consciente da diversidade que éste ofrece.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a propia Mancomunidade. Unha acción máis que reafirma o compromiso deste territorio por crecer con identidade, calidade e respecto polo seu entorno.