A Mariña no proxecto MISEA (SEGITTUR) de experiencias agroturísticas

 

Na semana do 24 de novembro o xeodestino A Mariña iniciou as sesións de traballo para a implantación na Mariña do Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR que busca avanzar nun modelo turístico sostible a través de experiencias de valor conectadas co territorio.

A Mariña foi o único destino galego seleccionado para participar neste programa nesta edición, do que tamén forman parte a Deputación de Cáceres, a illa de Fuerteventura, o municipio de Deltebre en Tarragona e Valencia, todos membros da Rede de Destinos Intelixentes.  Trátase dun proxecto que ten como obxecto motivar a participación do sector primario no sistema turístico local, estruturando experiencias agroturísticas sostibles e atractivas que, sen distorsionar a actividade principal, xeren ingresos ou ventas directas e indirectas, contribuíndo a dar visibilidade aos produtos, capaces de enriquecer e diversificar a oferta do destino.

No proceso de implantación deste programa, os técnicos responsables aportarán asesoramento a produtores do sector gastronómico para a creación e optimización de experiencias turísticas e tamén aportarán un plan de acción conxunto e de destino para consolidar a súa integración no sistema turístico.

Primeiros pasos na Mariña

O proxecto arrincou na Mariña o pasado martes 25 de novembro cunha xornada de traballo na que participaron técnicos da Mancomunidade e un grupo de 10 produtores e empresas seleccionadas. 

Na primeira sesión tivo lugar a reunión “Grupo de Contraste” que contou coa presenza de representantes de Turismo Slow norte de Galicia, Colectivo de Gastronomía da Mariña, Cooperativa Terras da Mariña/IXP Faba de Lourenzá, GDR Terras de Miranda, membros da mesa de calidade do SICTED na Mariña, unha axencia de viaxes e os centros de formación IES de Foz e CFA Pedro Murias de Ribadeo. Así, completouse un abano de profesionais experimentados que a través da colaboración activa e o intercambio de ideas, achegaron o enfoque e aperspectiva local ao proxecto, contribuido a súa boa implementación.

A segunda sesión de traballo foi o primeiro obradoiro de formación conxunta para a creación de experiencias agroturísticas foi participado por 10 produtores e pequenas empresas transformadoras e comercializadoras do destino, axentes locais seleccionados para conformar un escenario diverso e representativo.

Un encontro intenso e dinámico no que se abordou o perfil do promotor como anfitrión e empresario, as boas ideas como punto de partida, os clientes, a construción das experiencias dentro do modelo sostible e a súa axeitada xestión. Estes axentes recibirán ao longo desta semana asesoramentos personalizados para traballar de forma mais concreta sobre as experiencias que desexen motivar ou mellorar.

 

A implantación do modelo continuará ata o mes de abril de 2026 con novas sesións colectivas e asesoramentos individualizados para avanzar na elaboración destas experiencias agroturísticas, que favorecen a consolidación do modelo de turismo sostible ao que aspira a Mancomunidade para o territorio da Mariña. 

Máis información do modelo MISEA: AQUI