Historia xeolóxica da Mariña
Para entender mellor o guión desta incrible historia de millóns de anos, ímolo a resumir todo nunha breve descrición de acontecementos, é dicir, desde que comezou todo ata a actualidade. A historia xeolóxica da Mariña Lucense iniciaríase fai 580 millóns de anos, cando na Terra a disposición e o tamaño dos continentes e océanos eran totalmente diferentes dos actuais.
Todo se inicia na costa dun antigo continente situado preto do Polo Sur.
Na costa dun antigo continente chamado Gondwana, situado nas inmediacións do Polo Sur, tivo lugar unha gran acumulación de sedimentos tanto areosos como fangosos, aínda que en ocasións chegaron a desenvolverse pequenos arrecifes nos que se producen importantes cantidades de carbonato de calcio pola actividade biolóxica.
Aos 475 millóns de anos rexistrouse unha significativa actividade volcánica submarina con erupcións moi explosivas e violentas, como resultado da saída de magma moi viscoso e con moitos gases.
A partir deste intre comeza a producirse o desprazamento de Gondwana cara ao ecuador debido ao movemento das placas tectónicas. Durante esa viaxe séguese producindo a acumulación de sedimentos e tamén pequenas erupcións volcánicas, aínda que todo iso con menor intensidade e duración.
Un dos maiores choques entre continentes na historia da Terra.
Aproximadamente aos 370 millóns de anos, moi preto do ecuador, Gondwana aproxímase a outro continente, Laurusia, o que provoca que todos os sedimentos e materiais volcánicos acumulados no fondo mariño reciban un aumento considerable de presión e a temperatura. En consecuencia, todas as rochas sedimentarias e volcánicas transformáronse progresivamente en rocas metamórficas. Este choque entre continentes foi dos maiores na historia da Terra e durou contorna a 100 millóns de anos e como consecuencia formouse unha cordilleira de montañas maior incluso que o Himalaia. A calor xerada foi tal que moitas rochas fundíronse parcial ou totalmente, e o magma resultante deu lugar ás rochas graníticas, que en orixe arrefriáronse a profundidades de máis de 10 quilómetros.
Nas etapas finais do choque prodúcense máis rochas magmáticas, pero seguindo fracturas nas rochas ou debilidades nelas. Así mesmo fórmanse fallas moi importantes como a de Viveiro.
Entre os 250 e os 70 millóns de anos a historia xeolóxica da Mariña resúmese nunha soa palabra, erosión.
Coa única excepción das anecdóticas rochas magmáticas formadas en relación coa apertura do Océano Atlántico. Durante este período de millóns de anos só houbo un desgaste de todas as rochas existentes e como resultado a paisaxe montañosa inicial queda arrasada na súa totalidade.
Fai 70 millóns de anos ten lugar un novo evento xeolóxico, o choque que as placas Euroasiática e Africana reactiva a paisaxe plana e monótona por medio do modelado en bloques ou teclas de piano que pon en movemento antigas fallas ou ben crea algunhas novas facendo que unhas zonas se eleven, para dar lugar a montañas, e outras se afundan, nas que se forman os vales e as depresións. Ao mesmo tempo prodúcese a progresiva erosión das zonas altas para, en consecuencia, acumularse sedimentos nas zonas baixas.
Nos últimos miles de anos, os períodos máis fríos -glaciacións- dan lugar a unha brusca baixada do nivel de mar, o que fai cambiar a desembocadura e a morfoloxía dos ríos. Pero tamén se produce un degaste das zonas montañas por efectos dos glaciares ou por conxelación da auga. Pola súa banda, os períodos máis cálidos, como o actual, fan subir o nivel de mar e contribúen ao retroceso da liña de costa.
Agora só falta que visites cada un deses 16 lugares para observar e entender en primeira persoa este marabilloso patrimonio xeolóxico que che ofrece A Mariña Lucense.