Casa García

 
Patrimonio indiano

Vivenda promovida por Vicente García Rodríguez emigrante en Uruguai e en Arxentina. A casa ocupa a posición central dunha parcela con xardín previo á fachada principal. Constitúe un singular exemplo de arquitectura residencial indiana vinculada ao proxecto montañés do que só adopta certos elementos illados. É de planta rectangular á que se encostan elementos de ascendencia montañesa na súa fachada como a torre, unha terraza balaustrada, unha escalinata ou os seus pronunciados beirados.

Data de construción: Anos 30

Estilo arquitectónico: Eclecticismo con influencias rexionalistas.

O promotor desta vivenda foi Vicente García Rodríguez emigrante, en Uruguai e en Arxentina. Neste último país participou na fundación da “Mutua de Colonia Barón”, orixe da colonia Barón na Pampa Arxentina, unha localidade cuxos inicios se vinculan á construción dunha estación de ferrocarril ao redor da que xorde unha rede de pequenos comerciantes.

A vivenda foi construída por Francisco Veiga, máis coñecido como “Pena de Miñotos” e ocupa a posición central dunha parcela cuxa extensión apenas supera os 500 metros cadrados cun xardín previo á fachada principal. Debido á reducida altura do peche, é posible divisar a vivenda desde o camiño que dá fronte á parcela, presidindo a composición unha gran palmeira que data da época de construción da casa.

A Casa García constitúe un singular exemplo de arquitectura residencial indiana vinculada ao proxecto montañés, pero do que só adopta certos elementos illados engadidos ao corpo xeral do edificio. Partindo da tradicional caixa de muros de planta rectangular, encóstanse diversos vocábulos de ascendencia montañesa na súa fachada principal, estes son: A torre, de planta cadrada e disposición esquinada; encostada unha terraza balaustrada que ocupa a lonxitude restante da fachada principal e que está soportada por tres pilares, os cales configuran na planta baixa o soportal de acceso á vivenda; unha escalinata que descende ao xardín desde o soportal; e os pronunciados beirados que mostran tanto a cuberta da torre como a do corpo principal.