Casa de Don Ramón
Casa construída en estilo ecléctico promovida por Ramón Vázquez tras o seu regreso de Cuba a Ourol. A construción presenta a típica arquitectura residencial indiana de dúas plantas á que engade anexo un segundo corpo dunha soa altura habilitado como garaxe sobre o que se dispón unha terraza balaustrada.
Data de construción: Anos 20
Estilo arquitectónico: Eclecticismo.
Despois dunha vida de intenso traballo na Illa de Cuba, Ramón Vázquez regresa a Ourol, onde contrae matrimonio con Herminia Castelo Branco; é entón cando decide construír unha casa para convertela no seu fogar.
Esta vivenda perdeu o peche anteposto á propiedade; de feito, parte das edificacións da vivenda quedaron illadas alén da estrada, onde se pode observar un lavadoiro e unha palleira, así como a vivenda desde onde o indiano partiu cara á emigración. A proximidade dos dous inmobles confirma o profundo sentimento polas raíces inherente a todos os indianos.
A construción presenta a típica arquitectura residencial indiana de dúas plantas ás que se engade un segundo corpo dunha soa altura habilitado como garaxe sobre o cal se dispón unha terraza balaustrada coroada con testo en forma de copa.
En cada unha das plantas da fachada principal ábrense cinco vans simétricos. Na planta baixa o van central corresponde á porta de acceso, na que aínda se conserva a orixinal aldaba gravada con motivos florais. Na segunda planta destacan dous balcóns de traza curva e pechados cun antepeito balaustrado. A fachada finalízase nun frontispicio triangular que alberga unha bufarda.
A configuración do inmoble responde á economía de recursos dos modelos autóctonos onde, a pesar da súa sinxeleza, aprovéitase ao máximo un mínimo de recursos arquitectónicos sacándolles a maior expresividade posible.