Camiño do Norte de Santiago

 
WEB

O Camiño do Norte mantivo vitalidade ata o século XVIII. Disfrutábano peregrinos asturianos e devotos de todo o norte da Península, por terra e por mar, e de países coma Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia. Moitos dos peregrinos chegaban atraídos polas reliquias do santuario de San Salvador de Oviedo e, loxicamente, pola catedral compostelá.

Foi unha ruta de peregrinos ilustres. Vinculouse a san Francisco de Asís, quen, segundo a tradición, peregrinou a San Salvador de Oviedo e a Santiago no ano 1214. A fins do século XV faríao, tanto para a ida como para a volta, o bispo armenio Mártir de Azerbaján. No XVI, Jacobo Sobieski, pai do rei Xoán III de Polonia. E de finais do XVIII quedounos o testemuño escrito do francés Jean Pierre Racq.

O punto de partida en Galicia é Ribadeo, na provincia de Lugo. Desde aquí ata a catedral de Santiago distan 198 km. O itinerario está sinalizado por medio dunha placa de cerámica coa representación da vieira. O camiñante agradece esta información, que completa a indicación básica da frecha amarela.

En 2015, o Camiño do Norte foi recoñecido pola UNESCO, xunto co Camiño Primitivo, como Patrimonio da Humanidade, o máximo recoñecemento que pode recibir un ben cultural. Ademais, camiñaremos por paisaxes que son reservas da biosfera, como a contorna do río Eo ou as coñecidas como Terras do Miño, entre outras.

Mapa Mariña LucenseVer mapa interactivo