Audioguía ficcionada de Xove

 

Tomás Mariño en Morás, entre baleas, dolos e Zeppelins

Recordos dun pasado moi presente

Descargar audioguía Galego

Con este paseo audioguiado pola costa de Morás queremos desvelarche as pegadas que deixou o pasado na sorprendente paisaxe deste recuncho da Mariña.

No percorrido, de 45 minutos de duración, mergullarémonos nun entretido e interesante relato que ten por protagonistas a Tomás Mariño -natural de Xove e precursor da navegación aérea- e a Sira, veciña do lugar, gran coñecedora da súa historia contemporánea.

Tomás regresará aos nosos días para contarlle a Sira o seu inédito e pioneiro “Proxecto de Navegación Aérea”. Á vez, Sira mostraralle a Tomás e a todos nós, como evolucionou a contorna do porto, praia e punta de Morás coa pesca da balea, ou coa construción da fábrica e porto de Alúmina-Aluminio, entre outras pasaxes da historia recente.

Esquécete das présas e déixate levar pola curiosidade!

Duración: 45 minutos.

Clica na imaxe inferior para ampliar o mapa co percorrido da audioguía

Para ter en conta: moi preto do punto de finalización desta audioguía, seguindo a senda costeira, atópanse os Cantís de Papel, magníficas formacións de rochas graníticas esculpidas polo mar e o vento dando lugar a caprichosas formas.

Recomendámosche

En todo momento, a través dos diferentes relatos, irás recibindo indicacións por onde debes ir. Por iso, unha vez conectado o son non se debe interromper e terás que apagalo só ao chegar ao final. Recomendámosche que encendas o audio e te deixes levar pola historia única e diferente destes lugares. Para evitar indicentes é moi importante que realices paradas en lugares seguros e que teñas coidado co tránsito rodado ao camiñar. Agardamos que disfrutes da experiencia!